• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Acordo da Sionlla senta as bases da creación do Polo de Innovación en Biotecnoloxía para facer de Santiago e Galicia un "referente" no sector

Data de escritura

O Centro Empresarial do Tambre acolleu hoxe a reunión da Mesa Institucional do chamado "Acordo da Sionlla", á que asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago (USC), Vicente Pérez Muñuzuri; o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Carballo García; e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET), José Fernández Alborés

O "Acordo da Sionlla" ten por obxecto a realización de actividades conxuntas que favorezan a reindustrialización empresarial, a promoción do asentamento de empresas e a captación de proxectos de investimento nos sectores biotecnolóxico e da madeira no parque empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela, entre os que principalmente destaca a creación dun Polo de Innovación en Biotecnoloxía.

Como resultado da análise e debate dos traballos de xestión realizados ata o día de hoxe, a Mesa acordou unha serie de compromisos futuros para continuar dándolle forma aos proxectos do "Acordo da Sionlla". Impulsarán e apoiarán política e institucionalmente a creación do Polo de Innovación en Biotecnoloxía como punto focal da biotecnoloxía galega e como un instrumento que agrupará a todos os axentes –centros de investigación e innovación, empresas, persoas emprendedoras, investidores, Administración pública, etc.– nunha contorna que favoreza o desenvolvemento de novos negocios e a atracción de talento altamente cualificado.

Outro dos empeños da Mesa en relación ao Polo de Innovación en Biotecnoloxía será darlle visibilidade a nivel autonómico, nacional e internacional "para facer de Santiago e Galicia un referente no sector", así como manter os incentivos que faciliten o acceso a solo empresarial bonificado ou en dereito de superficie para empresas que queiran desenvolver a súa actividade no Polo.

En canto a medidas tanxibles, a Mesa estudará e artellará incentivos que supoñan un solo empresarial bonificado ou en dereito de superficie para empresas que queiran desenvolver a súa actividade no Polo. Nesta liña, posibilitará a concesión de bonificacións e exencións fiscais que faciliten a localización de empresas e persoas emprendedoras, e que se enmarcarían na habilitación do Concello de Santiago como "Concello Doing Business Galicia – Concello Emprendedor". Igualmente, valóranse a posibilidade de simplificar os trámites administrativos que axilicen os procesos de localización de novas empresas e a concesión de axudas específicas para a implantación de empresas biotecnolóxicas, incluíndo aquelas destinadas á captación de talento e a súa contratación nas entidades e compañías localizadas no Polo.

Outra das liñas de traballo da Mesa é favorecer a creación dunha estrutura comercial que posibilite a atracción de investidores e empresas biotecnolóxicas, que exerza de portelo único para a promoción, prospección e acompañamento de novos proxectos empresarias. Tamén considérase necesario mellorar a conectividade, infraestruturas e loxística para o correcto desenvolvemento da actividade empresarial.

A colaboración público-privada, clave na viabilidade do proxecto
O "Acordo da Sionlla" naceu en xaneiro de 2017 coa sinatura dun primeiro compromiso para favorecer o diálogo e a colaboración institucional en aras do desenvolvemento económico e social da cidade. Está integrado por dúas estruturas de xestión e representación: a Mesa Institucional e a Mesa de Traballo Executiva. O "Acordo da Sionlla" concretou durante estes tres anos a posta en marcha do ambicioso proxecto do Polo de Innovación en Biotecnoloxía, co apoio de entidades como o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA).

Para dar forma ao Polo de Innovación en Biotecnoloxía, deseñouse a idea do proxecto baseado na colaboración público-privada, déuselle visibilidade a través dos clústeres, centros de investigación e innovación e das diversas Administracións Públicas, que interiorizaron o concepto. Pero para acadar consistencia, os asinantes do "Acordo da Sionlla" lograron o "apoio decidido" de diversos investidores e empresas biotecnolóxicas ata o punto de involucrarse no proxecto.

A localización do Polo de Innovación en Biotecnoloxía no Parque Empresarial da Sionlla foi un aspecto fundamental dende o inicio, pola proximidade a centros de coñecemento e ás principais entidades públicas e privadas que lideran a biotecnoloxía en Galicia. A colaboración da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que cualificou como "non dispoñibles para a venda" 63.798 metros cadraos, e a próxima cesión dunha parcela municipal no mesmo terreo, a través de UNINOVA, constitúen a base do Polo.

Edificio de servizos innovadores en parcela municipal
Ademais, a pasada semana aprobouse no Consello da Xunta unha achega de máis de 4 millóns de euros, a través da convocatoria de Centros de Fabricación Avanzada do Instituto Galego de Promoción Económica, para a construción da primeira infraestrutura do Polo de Innovación en Biotecnoloxía, que se concretará nun edificio de servizos innovadores para empresas biotecnolóxicas para o cal o Concello de Santiago de Compostela cederá os terreos no Parque Empresarial do Tambre. Así, estase a traballar en impulsar a construción de dúas infraestruturas do Polo, unha para estes servizos especializados e outra para facilitar espazos industriais adaptados aos requirimentos técnicos e ás diferentes necesidades do sector.

Nunha primeira fase, construirase unha infraestrutura de servizos innovadores
a empresas biotecnolóxicas, unha iniciativa público-privada con laboratorios de aproximadamente 50 metros cadrados para empresas post-incubación, cun investimento aproximado de 5.000.000 euros. Crearase ademais unha sociedade para recibir fondos da convocatoria de Centros de Fabricación Avanzada (IGAPE). E nunha segunda fase construiranse espazos industriais, de aproximadamente 500 metros cadrados, para empresas biotecnolóxicas, con financiamento privado e promovido polas empresas biotecnolóxicas en forma de cooperativa ou unión temporal de empresas. Contará cun investimento aproximado de 18.000.000 euros.

Tamén o "Acordo da Sionlla" apoiou a creación do hub de innovación dixital "Data Life", como parte do ecosistema innovador en biotecnoloxía. O hub ten por obxecto a integración da cadea de valor dos sectores de bioeconomía e saúde, promovendo a súa dixitalización, con financiamento da Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, participou activamente na xénese e consecución do proxecto "Spin & Up", para a transferencia bidireccional empresa- universidade de coñecemento e tecnoloxía no Espazo de Cooperación Interreg Galicia - Norte de Portugal, no que a Asociación Área Empresarial do Tambre participa como socio; e a incubadora de proxectos biotecnolóxicos "BioIncubatech" para o fomento da innovación e transferencia da biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias.

En paralelo, o "Acordo da Sionlla" traballará para estender este modelo de Polo de Innovación ao sector da madeira, outro dos seus obxectivos fundacionais.