Medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria COVID-19
O Consello de Ministros. na súa xuntanza de 09/06/2020, aprobou o Real-Decreto-ley 21/2020, o cal, entre outras disposicións, regula o mantemento, unha vez rematado o estado de alarma, de determinadas medidas de prevención e hixiene.
O capítulo II está integrado polos artigos 6 a 16 e recolle o mantemento de determinadas medidas de prevención e hixiene, como son o uso obrigatorio de máscaras na vía pública, en espazos ao aire libre e en espazos pechados de uso público ou que se atopen abertos ao público, así como nos transportes. Así mesmo, a este respecto, contémplase a posibilidade de que as máscaras poidan ser adquiridas de maneira unitaria nas oficinas de farmacia, o que facilita o seu acceso á poboación. Esta medida, xunto coa modificación establecida no texto refundido da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/2015, do 24 de xullo, permite que o acceso ás máscaras poida realizarse en condicións económicas non abusivas. Igualmente, neste capítulo contémplase a adopción de determinadas medidas de prevención na contorna de traballo, tales como a ordenación dos postos de traballo ou a organización das quendas para evitar aglomeracións, así como o mantemento de medidas de prevención e hixiene básicas nos establecementos comerciais, nos centros residenciais de carácter social, nos hoteis e aloxamentos turísticos ou nas actividades de hostalería e restauración, entre outras. No ámbito deportivo, pola súa banda, recoñécese a competencia do Consello Superior de Deportes para aplicar estas medidas en determinadas competicións profesionais, unha vez oído o organizador, o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas; e en función das circunstancias concorrentes e a necesaria protección de deportistas e público.
O capítulo III, artigos 17 e 18, recolle diversas disposicións que habilitan para regular a oferta de prazas e o volume de ocupación nos servizos de transporte de viaxeiros por vía marítima, por ferrocarril e por estrada, todos eles de competencia estatal. Os operadores de transporte con número de asento marcado deberán conservar, ao dispor das autoridades de saúde pública, a información de contacto dos pasaxeiros durante un mínimo de catro semanas, coa finalidade de realizar a trazabilidade dos contactos. Así mesmo, habilítase ao titular da Dirección Xeral da Mariña Mercante para ordenar, a proposta do Ministerio de Sanidade, a adopción de medidas sanitarias para o control de buques, incluídos os de tipo cruceiro, que realicen viaxes internacionais e naveguen por augas do mar territorial con obxecto de entrar en portos españois.