O alcalde participará o xoves nun webminar informativo sobre o Plan Marco de Reactivación Económica
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organiza un webminar informativo sobre o Plan Marco de Reactivación Económica do Concello de Santiago, no marco das actividades de colaboración conveniadas co Concello de Santiago e co obxectivo de mellorar o coñecemento das liñas municipais de axudas postas en marcha a raíz da crise do COVID-19. A cita é este xoves, ás 11:00 horas, e contará coa presenza do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo
No webminar, no que tamén participará a técnica municipal de Comercio Lucía Castro, analizaranse as líñas de axudas para a reactivación económica do comercio, autónomos e micropemes de Santiago de Compostela tras a situación provocada pola crise do COVID-19 correspondentes á anualidade 2020, os seus importes e prazos e os obxectivos específicos de cada unha das liñas da convocatoria.
As persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse na web da Cámara de Comercio de Santiago.
Estas axudas teñen como obxectivo, xunto co resto de accións incluídas no Plan Marco de Reactivación Económica do Concello de Santiago:
• minimizar o impacto da crise económica derivada da COVID-19.
• achegar recursos para atender as necesidades de liquidez das microempresas.
• facilitar a súa recuperación económica.
• contribuír ao mantemento da actividade económica e á protección do emprego.
Esta actividade complementa as actividades xa realizadas no marco do convenio de colaboración entre o Concello e a Cámara de Comercio para este ano 2020, dotado cun orzamento de 100.000 €. Entre estas accións ofrecidas pola Cámara figuran:
• Servizos de información, asesoramento e titorización de proxectos empresariais, grazas aos que, ata o momento, se realizaron 92 asesoramentos.
• Servizos de fomento do espírito emprendedor no eido educativo: nestas visitas e charlas informativas dirixidas a que o alumnado de centros de secundaria coñeza os procesos de emprendemento e o Viveiro de Empresas da Costa Vella teñen participado ata o momento 90 estudantes.
• Itinerarios formativos personalizados de emprendemento xuvenil: Rrealizáronse neste ano 2020 o Programa Marketing Dixital e Emprendemento e o Programa Videoxogos e Emprendemento, nos que participaron 50 mozos e mozas, e estanse a executar o Programa Social Media, Marketing Dixital e Emprendemento e o Programa Tendas Virtuais e Emprendemento, no que están a participar 60 mozos e mozas.
• Servizos de asesoramento en materia de internacionalización, que permitiron realizar 549 asesorías, predominando as consultas efectuadas por empresas dos sectores da madeira e a súa transformación, telecomunicacións, papel e cartón sobre os mercados de Oriente medio, Marrocos, China e Centroamérica.
• Servizos de apoio a autónomos e empresas na busca de financiamento, realizándose ata agora 53 asesoramentos e os tres webminars, cunha media de 30 participantes por evento.
O convenio de colaboración coa Cámara de Comercio forma parte do programa municipal Compostela Móvese, que integra dende o ano 2015 todas as accións da Oficina de Promoción Económica relacionadas co desenvolvemento económico, apoio á cultura emprendedora e creación de novas empresas. Para este ano 2020 conta cunha programación especial adaptada ás necesidades xeradas no tecido industrial pola crise sociosanitaria do COVID-19.