O Concello destina un millón de euros á reactivación do pequeno comercio de Compostela
A Xunta de Goberno, en sesión extraordinaria, aprobou tres das convocatorias previstas para o apoio ao comercio previstas no Plan Marco de Reactivación Económica. Trátase de axudas para o pago de xuros en operacións de crédito, para a mellora e innovación do comercio local e para cheques de consultoría. En total, as tres liñas suman un crédito inicial de 410.000 euros, ampliable ata o millón de euros. As solicitudes deberán realizarse no prazo de 20 días hábiles, a contar dende o día seguinte á publicación das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou estes tres programas e enmarcounos no conxunto de medidas destinadas ao comercio, "unha das cinco patas do Plan de Reactivación Económica". Lembrou que as outras catro "patas" son o emprego, coa posta en marcha da formación online, que está sendo "un éxito total; os/as autónomos/as e as pequenas empresas, para as que "agardamos aprobar a primeira convocatoria a semana que vén"; o turismo, cuxo plan foi presentado onte; e a cultura, con medidas que "presentaremos a finais da semana que vén ou principios da seguinte". Sobre este último paquete, o rexedor apuntou que "estamos pendentes das propostas das outras administracións, porque queremos que sexa unha proposta complementaria".
En relación ás tres convocatorias presentadas hoxe, indicou que, unha vez publicadas e consumido o prazo de solicitudes, poidan estar resoltas a finais de maio ou principios de xuño. Cómpre lembrar que a estes tres programas hai que sumar outras tres accións dirixidas ao pequeno comercio de Compostela: a campaña de estacionamento gratuíto, a campaña de comunicación en apoio do comercio e a Festa da Primavera, polo que as medidas destinadas a este sector suporán unha achega municipal de case 1,5 millóns de euros.
Axudas para a reactivación económica
A primeira convocatoria, dotada inicialmente con 100.000 euros, ampliables ata os 300.000, é a de axudas para a reactivación económica do comercio local. Están destinadas a sufragar os xuros das operacións financeiras ás que tiveran que recorrer os comercios por mor da emerxencia sanitaria e a consecuente obriga de peche.
Así, a través destas axudas poderanse subvencionar os seguintes gastos:
- Xuros de préstamos concertados con posterioridade ao 14 de marzo de 2020 e pagados dende esa data ata o 2 de novembro.
- Liquidacións das pólizas de crédito devindicadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 2 de novembro de 2020.
O importe da subvención será do 75% do orzamento de gastos, co límite de 1.000 euros por persoa beneficiaria.
Axudas para a mellora e a innovación
Outra das convocatorias é a das axudas para a mellora e innovación do comercio local do programa "Coidar para mellorar". Neste caso, a convocatoria, que ten tres liñas, ten un orzamento inicial de 210.000 euros, ampliables a 600.000. Estas achegas tratan de fomentar a cultura da innovación no comercio local como ferramenta fundamental para incrementar a súa competitividade empresarial.
Na liña A desta convocatoria están incluídos os investimentos para a adecuación dos locais (obras de reforma; mellora de illamentos, equipamento e instalacións; substitucións de ventás, portas ou outro tipo de mobiliario, elementos de iluminación ou rótulos comerciais); maquinaria e bens de equipo, incluídos os informáticos, e os relacionados coa actividade produtiva da empresa; periféricos e outros compoñentes; TPV integrados; paquetes de software de xestión, organización ou comercialización empresarial e licenzas precisas para a realización da actividade da empresa; ou outros investimentos en innovación relacionados coa incorporación de novos procesos, métodos de comercialización (comercio electrónico) ou de organización empresariais.
Os comercios localizados no ámbito do Plan especial de rehabilitación da Cidade Histórica quedan excluídos da posibilidade de obteren axudas para gastos investimentos na adecuación física dos locais, dentro da liña A, ao poderen concorrer á convocatoria específica do programa "Localízate", dirixido á mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética, á mellora da imaxe exterior e ao acondicionamento interior dos locais da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, convocada polo Consorcio de Santiago.
Na liña B figuran os gastos de comunicación en lingua galega, como honorarios profesionais para: o deseño ou actualización da imaxe corporativa; o deseño, redacción, programación ou xestión de calquera material comunicativo; os gastos relativos á produción e reprodución de materiais comunicativos; e os gastos de produción e organización de eventos comunicativos ou promocionais.
Na liña C están incluídas as axudas para gastos na adecuación dos negocios e en servizos profesionais relacionados coa innovación ou coa recuperación económica necesaria por mor da COVID-19. Poden ser: gastos de asesoría e consultaría financeira e laboral ordinarios ou extraordinarios realizados; honorarios profesionais para o deseño de escaparates e servizos de mercadotecnica visual, ou para o mantemento e xestión de páxinas web, así como mantemento de redes informáticas e sistemas de xestión empresarial. Tamén se poden incorporar os gastos de mantemento de hosting e TPVs virtuais, e os gastos correntes necesarios para a adecuación dos locais.
A través desta convocatoria poderase subvencionar ata o 80% do importe total do orzamento de gastos, establecendo unha contía máxima individualizada de 5.000 euros por liña, é dicir, 15.000 euros como máximo para o conxunto das liñas, por persoa beneficiaria.
Cheques de consultoría
A terceira das convocatorias permitirá a concesión de 100 cheques de consultoría, repartidos do seguinte xeito: 17 cheques para a reforma e acondicionamento de locais de negocio, 17 de asesoramento en escaparatismo e mercadotecnia visual, 17 de asesoramento en comunicación comercial, 17 de asesoramento en mercadotecnia dixital, 17 para a implantación do comercio electrónico e 15 cheques para a innovación empresarial
Estes cheques consistirán na prestación dun servizo profesional de asesoramento en cada unha das modalidades previstas, co obxectivo é avaliar as necesidades da empresa beneficiaria e identificar e priorizar as solucións máis adecuadas. A consultaría realizada plasmarase nun documento final de síntese do que se entregará cadansúa copia á persoa beneficiaria e ao Concello de Santiago.
20 días hábiles
O prazo de presentación de solicitudes para estas tres convocatorias será de vinte días hábiles, que se contarán dende o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no BOP. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende, 4), ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas que estean habilitados.
Resolución de dúbidas
A partir do venres 8 de maio habilitarase na web do programa Coidar para mellorar un formulario de consulta para resolver calquera dúbida sobre estas convocatorias. Tamén estará dispoñible unha liña de atención telefónica en horario de 9:00 a 16:00 horas.
Esforzo social
Preguntado polos importes das axudas e as medidas postas en marcha polo Concello en apoio a diversos sectores, o alcalde indicou que "estamos sacando o que podemos". Neste sentido, tamén afirmou estar á espera da norma estatal que habilite ao Concello para utilizar o seu remanente de tesourería, que é de 11 millóns de euros, para "dispor parcial ou totalmente del". En calquera caso, sinalou que, tamén no uso do remanente, a prioridade serán os servizos sociais, porque "aí non podemos escatimar esforzos, e isto non remata co estado de alarma, senón que vai seguir máis tempo.
A propósito deste esforzo no eido social, indicou que, este mércores, había algo máis de 1.160 familias e 3.000 persoas beneficiarias do tícket especial de compra. Sumando os comedores escolares, a asistencia domiciliaria, o reparto de comida ou a Cociña Económica, cifrou en 4.000 as persoas ás que se lles está axudando para garantir a súa alimentación en Compostela, das que unhas 3.200 son atendidas directamente polo Concello.
Desescalada
Tamén a preguntas xornalísticas, o alcalde expresou unha "preocupación grande" polo plan de desescalada, porque "aínda está moi pouco determinado" e é "bastante previsible que haxa axustes importantes ao longo destes días". De todos os xeitos, explicou, "nós estamos traballando e encargouse a cada departamento que prepare o plan de desescalada en cada unha das áreas" en función das medidas que se vaian concretando no plan do Goberno central.
Á espera de clarificación está o Concello, por exemplo, no tema das terrazas, pero o alcalde indicou que "a minoración do número de mesas e cadeiras é inevitable" e "non é posible triplicar o espazo das terrazas", aludindo á necesidade de asegurar a circulación das persoas pola vía pública. En calquera caso, anunciou que se analizará cada caso concreto.
Sobre a apertura do comercio apuntou que lle parece "positivo que o comercio poida abrir a partir do día 11. Os comerciantes deberán controlar o aforo en cada establecemento, evitar concentracións de persoas e, na medida do posible, dotarse de máscaras e luvas". En relación a este equipamento, afirmou que "a día de hoxe hai máscaras á venda nas farmacias de Santiago e de momento non está existindo un problema de subministro".
Festas do Apóstolo
Tamén se referiu ás festas do Apóstolo, unha materia na que se está traballando e na que o alcalde quere "escoitar a opinión dos demais grupos municipais". "Queremos facer algunhas novas cousas e temos que asumir que vai ter pouco que ver coas festas dos anos pasados, sen grandes eventos e sen grandes concentracións de persoas", explicou Sánchez Bugallo, quen engadiu que se apostará por grupos locais e formatos máis pequenos. Ademais, anunciou que se "vai reforzar de forma significativa a programación para final de ano".
Volta ao traballo presencial
Finalmente e preguntado pola volta ao traballo presencial dos/das empregados/as municipais, indicou que hai un borrador de proposta e que este regreso á normalidade "vai ser paulatino". "O teletraballo non vai desaparecer seguramente ata o final do desconfinamento e irémolo combinando coa reincorporación sobre todo daqueles postos que non se poden acoller ao teletraballo, pero non preveo a normalidade antes do 25 de xuño", afirmou o rexedor. O Concello está elaborando plans de seguridade e garantirá que todo o persoal teña os necesarios elementos de seguridade.
- BASES DA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A REACTIVACIÓN ECONÓMICA DO COMERCIO LOCAL
- BASES DA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A MELLORA E INNOVACIÓN DO COMERCIO LOCAL. PROGRAMA "COIDAR PARA MELLORAR"
- BASES DA CONVOCATORIA DE CONCESIÓN DE CHEQUES DE CONSULTORÍA DO PROGRAMA "COIDAR PARA MELLORAR": AXUDAS Á INNOVACIÓN E MELLORA DO COMERCIO LOCAL
- Resumo da Xunta de Goberno Local