• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Concello ultima un paquete de medidas económicas para axudar ás empresas de Compostela a saír da crise provocada polo COVID-19

Data de escritura

O documento de medidas económicas que está ultimando o Concello de Santiago para facer fronte á situación derivada do coronavirus, denominado Compostela Móvese 2020 COVID-19 contempla, entre outras medidas, impulsar unha liña de formación e consultoría para o asesoramento empresarial de cara a apoiar ás empresas na elaboración dos seus plans de reactivación económica, unha liña de subvención de xuros destinada a autónomos e PEMES e a creación dun Comité Económico de Crise. Segundo explica o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, trátase dun programa de reactivación económica, que abrangue diferentes ámbitos e sectores empresariais, que "nos permitirá", di, "saír da crise sanitaria coa maior normalidade posible".

Son medidas deseñadas para un contexto de crise que na nosa cidade afecta a todos os sectores: comercio, hostalería, sector cultural, industria, etc. Sectores que precisan de axudas concretas e de impulso para, unha vez remate o período de confinamento, se incorporen ao mercado económico con garantías de éxito. Como axente económico local, o Concello ten que manter un difícil equilibrio: adoptar políticas de reactivación económica de consenso que mobilicen recursos propios e xeren confianza na recuperación entre os axentes económicos e, ao mesmo tempo, non contraer gasto a maiores, e se é posible expandilo. Por iso, dende a area de Promoción Económica traballan reprogramando actividades; priorizando partidas que beneficien aos colectivos máis afectados, como familias, autónomos e empresas locais; e empregando, sempre que sexa posible, provedores locais.

Formación e consultoría
O documento contempla a creación dunha liña de formación e consultoría online para o asesoramento empresarial, de cara a apoiar ás empresas na elaboración dos seus plans de reactivación económica. Cun orzamento inicial de 30.000 euros, abordaría a elaboración de plans de reactivación económica da man de persoal consultor especializado en sectores considerados estratéxicos. O obxectivo é facilitar a adaptación de 50 empresas de Compostela á situación xerada pola crise sanitaria; e elaborar guías de recomendacións sectoriais con iniciativas e boas prácticas que poidan ser aplicadas polo conxunto do tecido empresarial. Explica o alcalde que se habilitará "un paquete de contratos con diferentes asesorías da cidade, nas que contrataremos un número de horas, para que aquelas empresas que precisen unha atención máis especializada a poidan ter de xeito gratuíto".

Axudas
Outra das medidas económicas é un programa de subvencións aos gastos de créditos, que beneficiaría sobre todo ao pequeno comercio e que, en principio, contaría cun orzamento de 100.000 euros, dispoñibles no orzamento de 2020. O obxectivo do Goberno local é ampliar esta liña de axudas tanto a autónomos como a PEMES. Explica Sánchez Bugallo que se trataría "da apertura dunha liña de subvencións para o pago de xuros". Unha liña complementaria das propostas que se derivan da Xunta de Galicia e do ICO (Instituto de Crédito Oficial), que permitirían "pagar todo ou unha parte deses xuros derivados dos créditos contraídos por autónomos e pequenas empresas".

Asesoramento
No marco do convenio coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela ofrecerase de xeito coordinado información e recursos para o acceso das empresas de Compostela ás liñas de financiamento ICO, ás xestionadas pola rede cameral, e outras fontes de crédito mobilizadas dende o Goberno e as propias entidades financeiras para o mesmo fin. Aos 50.000 euros contemplados no actual convenio, súmanse outros 50.000 adicionais. Este servizo de asesoramento, segundo explicaba o alcalde, será gratuíto.

Tamén se mantén o convenio previsto coa Asociación Área Empresarial do Tambre para accións relacionadas co Pacto pola Reindustrialización de Compostela; así como as accións previstas no marco da execución da EDUSI Revive Compostela, por un importe de 50.000 euros.

Outras medidas
No marco deste documento, tamén está prevista a creación do Comité Económico de Crise. O seu obxectivo é realizar un seguimento das medidas extraordinarias impulsadas polas distintas administracións. Ademais do persoal do Concello, o borrador contempla a incorporación a este comité de persoal académico da rede universitaria galega, e a participación das principais institucións económicas da cidade. Encargaríase do co-deseño das políticas económicas a implantar polo Concello de Santiago e a coordinación de actividades con estas entidades; e contaría cun orzamento inicial de 20.000 euros. Entre os traballos a realizar figuran: