A ORA será gratuíta en todas as zonas da cidade, excepto na contorna da Praza de Abastos
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou hoxe varios acordos para facer fronte a crise económica provocada polo COVID19, entre eles a gratuidade, a partir de mañá martes, de todas as zonas ORA do termo municipal, excepto os aparcamentos situados na contorna da Praza de Abastos. En total manteranse, explicou, 101 prazas de pago, 17 delas de uso compartido para carga e descarga, nas zonas de Virxe da Cerca, Travesía da Universidade, Fonte Seca, Entrepraciñas, praza da Universidade, Mazarelos e San Fiz de Solovio.
O rexedor sinalou que, "a comprobación que se fixo dos usuarios, o pasado venres, indicounos que só unha porcentaxe moi pequena -non chegaba ao 10%- eran residentes na propia zona". Engadiu que, segundo os datos que manexa o Concello, o nivel de ocupación da ORA está sobre o 15 ou 20 por cento, "unha porcentaxe moi baixa e polo tanto hai un amplo marxe de prazas que non estaban sendo ocupadas nestes días pasados".
Segundo explicou o alcalde, a ORA foi un asunto que se tratou na Xunta de Voceiros do pasado venres, e alí, dixo, " asumín o compromiso de que avalariamos o seu funcionamento nas zonas que estaba funcionando", e en función diso tomamos hoxe a decisión de liberar estas prazas, a excepción das que están próximas ao Mercado de Abastos, "porque segue funcionando e precisa de espazos de aparcamento próximos para aquelas persoas que queren acceder" para mercar.
Adquisición de alimentos
Tamén se adoptou un acordo para facilitar a adquisición de produtos alimenticios por parte das familias que se atopan en situación de vulnerabilidade social. En concreto, a Xunta de Goberno deu luz verde a un regulamento que establece que tipos de produtos mercar, que son alimentos básicos e produtos de hixiene persoal. Ás persoas que vivan soas facilitaráselle un vale quincenal por valor de 50 euros. Para as unidades familiares de dúas ou máis persoas, ese vale é de 50 euros á semana.
O alcalde explicou que se aprobou un programa ao que se lle ofrecerá incorporarse a "diferentes centros comerciais, supermercados e tendas de barrio", polo que o Concello sufragará o custe das compras das persoas sen recursos. En principio, habilítase unha cantidade dun máximo de 10.000 euros para as grandes cadeas e supermercados e de 2.500 euros para as tendas de barrio. Sería, continuou Sánchez Bugallo, "como unha especie de cartilla que abre o Concello en cada un dos estabelecementos que se queiran sumar, e desa cartilla, a parte consumida aboarase, e a parte non consumida, non se pagará".
Os establecementos interesados en unirse a esta iniciativa, deben porse en contacto co Departamento de Servizos Sociais do Concello, ou ben directamente, segundo sinalou o rexedor, ou ben a través do 010. "Os bonos repartiraos Servizos Sociais, e os comercios débeno gardar, e ir grapando unha copia dos bonos de compra. A final de mes, presentará unha liquidación do consumo realizado, e o Concello aboaralle a cantidade que corresponda".
Continuidade de servizos municipais
O alcalde tamén explicou que se deron ordes de continuidade a diferentes servizos municipais, que se prestarán nas "condicións que sexa posible facelo". Entre eles, conserxería e limpeza dos centros de educación infantil e primaria, as escolas infantís, Escola Municipal de Música e o Centro Xove de Creación Cultural; o servizo de lacería; ou o servizo de mantemento, vixilancia e limpeza de campos de fútbol e instalacións deportivas. "Haberá outros servizos –engadiu- que serán avaliados nunha reunión extraordinaria da Xunta de Goberno prevista para o vindeiro mércores.
Denuncias
Entre as preguntas respondidas dos e das xornalistas respondidas polo alcalde, figurou unha sobre o número de denuncias en Santiago e os motivos. Sinalou que, segundo se puxo de manifesto na reunión desta mañá do CECOPAL, eran 46 denuncias, das cales 29 estaban tramitadas. "Basicamente, os feitos denunciados corresponden a persoas que estaban circulando sen acreditar un motivo razoable e xustificado, e a tres vehículos que estaban nas mesmas condicións". Sobre estas denuncias de incumprimento das medidas tomadas ante o COVID19, indicou que todas se dirixen á Subdelegación do Goberno, que é a encargada de xestionalas".
Exencións
Sobre as exencións de impostos a PEMES e autónomos, sinalou que o Goberno local ten previsto avaliar esta situación, en principio o vindeiro mércores: "é un tema moi complexo, no que non estou en condicións de garantir que o mércores se poidan tomar decisións, xa que hai medidas que debe avaliar o propio Pleno da Corporación, porque exceden das competencias da Xunta de Goberno". Sánchez Bugallo explicou que "o maior problema que temos no comercio e na hostalería "é o feito de que o 80% dos comerciantes non son os propietarios do establecemento". Por isto, engadiu, "se o Concello pon en marcha medidas de bonificación no IBI, o beneficiario é o propietario, non o inquilino". Ademais, "o problema real son os alugueres, non é o IBI, xa que o os alugueres están nunhas cantidades maiores que o Imposto de Bens Inmobles", apuntou.
Por este motivo, o alcalde pediu " a todos os propietarios de locais que os teñen en réxime de aluguer, que intenten facer un esforzo de comprensión e de colaboración co comercio e coa hostalería da cidade". É moi probable, continuou, que "moitos comercios de Santiago, se está situación se prolonga aló menos dous meses, non estean en condicións de facer fronte ao pago dos alugueres durante este tempo. Polo tanto, deben buscar fórmulas de redución, de exención, de aprazamento de pagos, para facilitar que ese comercio poida seguir aberto" no momento en que remate esta situación. "A min gustaríame pedir aí tamén unha colaboración que me parece importante", engadiu.
Axuda alimentaria
Explicou tamén, que na fin de semana (venres, sábado e domingo), se recibiron 48 chamadas no teléfono 010, "basicamente pedidos de axuda alimentaria" (17), 3 para pedir medicamentos e o resto para facer consultasque foi prestada en todos os casos. Reiterou que a través do voluntariado de Cruz Vermella e Protección Civil se están distribuíndo paquetes de comida naqueles domicilios que "con carácter xustificado" o están solicitando. Sánchez Bugallo calcula que en torno a 200 familias de Santiago recibiron eses paquetes nos seus fogares, que, "responden ao mesmo criterio que os vales de comida que temos habilitado, basicamente produtos básicos".
Máscaras
En resposta a outra pregunta, o alcalde sinalou que o Concello non dispón de material para facer mascariñas "aínda que estamos moi agradecidos a todas as persoas que se ofreceron para facelas". Sobre o subministro de material para os servizos de emerxencia, cualificouno como "un problema xeral. Temos algunhas mascariñas que nos permitirán distribuílas esta semana entre o persoal que está en contacto máis directo público: Protección Civil, Policía Local, UMAD e determinados servizos que están nunha situación de risco máis evidente". Hai feitos, dixo o rexedor, algúns encargos que en principio garanten que a principios do venres da semana que vén dispoñamos de material nunhas cantidades máis importantes". O alcalde agradeceu o material doado entre outros, por servizos odontolóxicos ou por comerciantes da comunidade chinesa.
Redución do tráfico e do uso do transporte
Finalmente, en canto á redución do tráfico na cidade, outra das preguntas, o alcalde explicou que o venres pasado estaba nun 73%. E o descenso dos usuarios no transporte urbano foi o venres, do 92,77%, o sábado do 90,88% e o domingo do 94,03%. Sobre a suspensión de mercados como o de Salgueiriños ou o de Lusco e Fusco; así como a decisión de non deixar operar as vendedoras tradicionais na Praza de Abastos, explicou que forma parte do cumprimento da normativa aprobada pola Xunta de Galicia, coa suspensión dos mercados ao aire libre.