• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Comunicado do alcalde á veciñanza de Santiago de Compostela

Data de escritura

Comunicado do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, á veciñanza de Santiago, por mor da crise do coronavirus:

Estimadas veciñas e veciños:

Diríxome a todos vós para agradecervos o esforzo que estades facendo, así como a seriedade e disciplina que amosades no cumprimento das medidas decretadas polas distintas administracións para frear o coronavirus. Son momentos difíciles e complexos, nos que máis que nunca debemos estar unidos cun mesmo obxectivo: evitar a propagación do COVID19.

Neste momento de incerteza é fundamental quedar na casa para romper a cadea de contaxios; e seguir todos os consellos e medidas tomadas polo Goberno Central, pola Xunta de Galicia e polo Concello de Santiago. Por nós, polos nosos maiores, pola nosa familia, polos nosos amigos, e por un futuro no que esteamos todas e todos.

Por favor, precisamos frear esta pandemia. E a única forma de facelo é illándonos durante un tempo para que, cando todo pase, todos sigamos aquí. Pechando as portas dos nosos fogares estamos freando o virus. Pero ademais, tamén é preciso que prestemos especial atención a todas aquelas medidas que as distintas administracións vaian tomando. Na web do web do Concello incluímos un enlace con información relativa á enfermidade polo COVID-19, na que podes atopar as medidas adoptadas polo Goberno Central, pola Xunta de Galicia e polo Concello de Santiago. Protocolos sanitarios, pero tamén información sobre suspensión de actividades, desprazamentos en transporte público ou limitación de aforo no tanatorio municipal.

Unhas decisións que non implican o desabastecemento da poboación. Podedes estar tranquilos. Está garantida a subministración de alimentos, tanto para os que podedes facer a compra, como para aquelas persoas que por razóns de idade, mobilidade ou corentena, non poden saír da casa. As persoas que dormen na rúa tampouco quedarán desatendidas. En colaboración con Cruz Vermella estámoslle ofrecendo aloxamento nalgún hostal ou albergue.

O noso obxectivo é que nestes duros momentos estean atendidas as necesidades da cidadanía, sobre todo daquelas persoas máis vulnerables. E niso pomos todo o noso empeño, esforzo e traballo, xunto a voluntarios e voluntarias cualificados. Actualmente hai dous equipos de voluntariado que están traballando e que, polo momento, son suficientes. Pertencen á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e á Cruz Vermella. Cada un deles ten unha formación e un seguro que o cubre. Desde o Concello agradecemos de corazón as iniciativas veciñais que responden a unha vontade de colaborar e participar. Pero nesta ocasión, a mellor axuda é quedar na casa.

Esta é unha batalla que só podemos vencer unidos, cada un desde o posto que ten asignado. Apelo á tranquilidade e á responsabilidade de cada un de nós. Só colaborando entre todos e todas podemos saír reforzados desta crise.

Xosé Sánchez Bugallo

Alcalde de Santiago de Compostela