Plan Integral de dinamización e promoción do consumo de madeira
Os principais serradoiros de coníferas galegos, asociacións de propietarios forestais, viveiristas, empresas de servizos forestais, empresas de 1ª e 2ª transformación, almacéns e gran distribución, estudos de arquitectura, enxeñerías e universidades asinan un acordo de colaboración
A Cidade da Cultura acolle o vindeiro martes, 24 de outubro, a Xornada “Plan Integral de dinamización e recuperación de montes de coníferas e de promoción do consumo de madeira de Galicia”.
No marco desta cita asinarase un acordo para o impulso do piñeiro en Galicia. Este convenio compromete, libre e voluntariamente, a desenvolver un plan de traballo que persegue, fundamentalmente, tres obxectivos: recuperar a superficie dedicada a coníferas en Galicia; mellorar as masas existentes e promover o consumo de madeira de conífera galega.
Para iso, expóñense unha serie de ámbitos de traballo estratéxicos que se desenvolverán entre todas as entidades asinantes para alcanzar os obxectivos citados anteriormente.
Trátase dunha iniciativa histórica no sector, promovida pola iniciativa privada, resultado das dinámicas de traballo conxuntas que veñen desenvolvendo no seo da cadea forestal e que xeraron un espírito colaborador e de confianza.