• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O CERSIA acolle o vindeiro 11 de outubro o III Foro de Economía Social

Data de escritura

Por terceiro ano consecutivo, e, como apoio e complemento aos Batidos Sinérxicos coa Economía Social que comezaron o pasado mes de xullo, o CERSIA acollerá o vindeiro 11 de outubro o III Foro de Economía Social do Concello de Santiago. Na rolda estivo Clara Rodríguez, de 7hCoop, empresa encargada da organización do Foro.

A edila de Políticas Sociais, Concha Fernández, sinalou que "estas xornadas buscan crear espazos de encontro e diálogo que permitan afianzar o desenvolvemento dunha economía que pon ás persoas e o seu traballo no centro do desenvolvemento económico e social". Nesta edición queren dar resposta a dúas cuestións fundamentais: como axudar á economía social a transformar Compostela nunha cidade máis sustentable e solidaria e de que xeito se pode colaborar con esta transformación de xeito individual e colectivo.

A economía social asume como principal reto o desenvolvemento de relacións e prácticas económicas rendibles, eficaces e á vez alternativas, promovendo a xestión democrática e a responsabilidade social. O III Foro de Economía Social dará comezo cunha proxección de pequenas curtas elaboradas en colaboración coas entidades participantes nos Batidos Sinérxicos de Economía Social para a difusión do Escaparate Virtual do Concello. De seguido e da man de María Loureiro poderemos reflexionar sobre as nosas pautas de consumo e os retos ambientais e sociais para unha economía máis consciente.

Na segunda parte das xornadas abordaranse os temas das cláusulas sociais na contratación pública e as dificultades que plantexa a economía colaborativa cando non é tamén social, analizando o impacto para Compostela de fenómenos como o dos pisos turísticos ilegais.
Para asistir ao III Foro de Economía Social de Compostela é preciso inscribirse na web www.cersiaempresa.gal no apartado de convocatorias. A inscrición estará aberta ata o 10 de outubro de 2018 ás 14:00h, de non ser posible formalizar a inscrición a través desta vía poderá formalizarse o propio día da celebración do Foro no CERSIA Empresa.

Compostela Móvese
O III Foro de Economía Social forma parte do programa "Compostela Móvese con S de Social 2018" que ten un orzamento de 80.000 euros. O programa inclúe ademais desenvolvemento de diferentes actividades de promoción do sector da economía social que se concreten con este colectivo ao longo dos Batidos Sinérxicos de Economía Social. Supón a continuidade dos traballos en materia de economía social iniciados no ano 2016.

Participantes
María Loureiro é catedrática no Departamento de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela. Licenciada en C. Económicas pola USC, obtivo o seu doutoramento e máster na Washington State University (USA). Na actualidade é tamén secretaria/tesoureira da Asociación Hispano-Portuguesa de Economía Ambiental de los Recursos Naturales (AERNA) e forma parte da xunta directiva da European Association of Environmental and Resource Economics (EAERE).

Marta García é profesora titular de dereito administrativo na Universidade da Coruña, en situación de servizos especiais desde xuño do 2015, data na que empeza a traballar no Concello da Coruña como directora da Asesoría Xurídica municipal. Anteriormente foi Secretaria Xeral da UDC e maxistrada suplente do TSX de Galicia.

Alba Nogueira é profesora titular de dereito administrativo na Universidade de Santiago de Compostela e investigadora principal do Armela, rede de investigación en Igualdade, Dereitos e Estado social. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago en 1991 é doutora por esta mesma universidade en 1997.

Celso Gándara leva máis de 25 anos adicados ao sector de economía social. Desde o ano 2009 é xerente de Algalia, S. Coop. Galega, cooperativa da que forma parte desde o 1995, e no 2016 asume a presidencia da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado de Galicia, EspazoCoop.

Mércedes Vázquez é doutorada pola USC e Investigadora na USC e no CSIC. Desde 2004 é socia de Dehistoria, sociedade laboral, empresa adicada á investigación histórica baixo demanda, e desde o 2006 forma parte da xunta directiva da AV Veciñal A Xuntanza do barrio de San Pedro.

Iago Lestegás é Arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid (2012) e Doutor en rexeneración urbana e desenvolvemento económico pola Universidade de Reggio Calabria (2017). Como investigador asociado no Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC estuda as políticas de rehabilitación urbana e o impacto do aloxamento turístico sobre o acceso á vivenda nas cidades do Sur de Europa.