O Concello concederá axudas ás empresas para a contratación do alumnado do obradoiro de emprego “Parque Forestal do Monte Pedroso”
O Concello de Santiago incentivará a contratación do alumnado traballador do obradoiro dual de emprego “Parque Forestal do Monte Pedroso” unha vez finalice a súa formación. Farao cunha convocatoria de subvencións á que destina un total de 30.000 euros, e ás que poden optar persoas empregadoras e empresas que contraten a xornada completa e por un mínimo de tres meses aos alumnos e alumnas que recibiron formación nas especialidades de “repoboación forestal e tratamentos silvícolas” e “confección e publicación de páxinas web”.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, explicou que o obxectivo desta convocatoria de axudas é “facilitar o acceso ao mercado laboral do alumnado do obradoiro dual de emprego, despois de nove meses de formación teórica e práctica" . Tal e como explicou, “as empresas que queiran acceder ás subvencións, deben ofrecer un contrato laboral a tempo completo e cunha duración mínima de tres meses, un periodo que permite que o alumnado gañe experiencia e entre en contacto co mercado laboral ”.
Requisitos da convocatoria
Para acceder aos incentivos á contratación, as persoas empregadoras e empresas interesadas deben ter os seus centros de traballo radicados no concello de Santiago, e desenvolver unha actividade relacionada directamente coa formación impartida no obradoiro de emprego, ben coa especialidade de repoboación forestal e tratamentos silvícolas, ou ben coa confección e publicación de páxinas web.
A formalización dos contratos farase nos 15 días seguintes ao remate do obradoiro dual de emprego “Parque Forestal do Monte Pedroso”, previsto para o próximo 15 de setembro. Os incentivos consistirán nunha subvención de 1.500 euros por cada persoa traballadora, correspondentes a un contrato mínimo de tres meses a xornada completa. Está previsto subvencionar un máximo de 20 contratos.
O prazo para presentar as solicitudes no rexistro xeral do Concello abrirase ao día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases da convocatoria.
Obradoiro de Emprego Parque Forestal Monte Pedroso
O obradoiro dual de emprego “Parque Forestal Monte Pedroso” comezou a finais de marzo, coa participación de 20 alumnos e alumnas. A metade deles traballaron na restauración da cuberta vexetal do Monte Pedroso, substituíndo as especies exóticas por árbores autóctonas e acondicionando o espazo público. O alumnado restante está a elaborar unha plataforma web para difundir e promover o sendeirismo e a natureza na contorna de Santiago. O programa conta cun orzamento total de 544.744,96 euros, dos que 441.928 euros proceden dunha subvención da Consellería de Emprego e os 102.816,96 euros restantes corresponden á achega municipal.