• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Faino en Santiago: o Concello aposta polo “emprendemento sostible e con propósito”

Data de escritura

O edificio Cersia de San Lázaro acollerá a próxima semana as xornadas presenciais do programa “Faino en Santiago”, unha iniciativa do departamento municipal de Promoción Económica que ten como obxectivo construír unha economía máis próxima e xusta a través do apoio a proxectos que sexan sostibles económica, social e ambientalmente. A actividade, que será de balde, pretende ser un espazo de encontro, formación e inspiración para as persoas que queiran emprender.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou o programa Feito en Santiago acompañada por Borja Iglesias e Teresa Gutiérrez, fundadores da cooperativa Falar a Mare

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou o programa Feito en Santiago acompañada por Borja Iglesias e Teresa Gutiérrez, fundadores da cooperativa Falar a Mare que se encarga do desenvolvemento do programa. A tenenta de alcaldesa explicou que”o obxectivo do Concello é acompañar ás persoas que queiran emprender, e que queiran facelo apostando por modelos de negocio rendibles pero tamén sustentables”. María Rozas lembrou que “a aposta por unha Compostela emprendedora e da economía social é un dos eixos de actuación tanto da Axenda Urbana 2030 como do V Pacto Local polo Emprego, que se fixou como obxectivo contribuir á creación e mantemento dun emprego xusto, decente e de calidade e impulsar un emprendemento sostible e inclusivo”. 

Pola súa banda, Teresa Gutiérrez salientou que “é moi difícil atopar un programa coma este, completamente de balde e impulsado desde unha administración pública, neste caso o Concello de Santiago, que aposta por outro modelo económico posible diante dunha situación de emerxencia climática e social”. A fundadora de Falar a Mare tamén destacou que o equipo docente do programa “está formando integramente por persoas que foron emprendedoras, e iso marca a diferenza porque sabemos o que custa empezar e o que custa manter os proxectos no tempo, e por iso non ofrecemos teoría senón práctica”. 

A día de hoxe, xa están inscritos 28 proxectos diferentes. Borja Iglesias explicou que abordan sectores moi diferentes, como a alimentación, a artesanía, a cultura e a educación ou a atención á saúde. Algúns deles son iniciativas que xa iniciaron a súa andadura, e outras están só na fase de proxecto.

Xornadas presenciais

O programa “Faino en Santiago” bota a andar coas xornadas presenciais que se van celebrar os días 9, 10 e 11 de xullo no edificio Cersia de San Lázaro. Serán tres días intensivos con obradoiros prácticos, paneis de experiencias e dinámicas grupais. Entre outras cuestións, as persoas participantes poderán coñecer as oportunidades e recursos que ofrece Santiago para o emmprendemento, aprenderán a definir as áreas estratéxicas das pequenas empresas e como se pode incorporar a sostibilidade ao modelo de negocio, ou coñecerán como definir un plan financeiro e de xestión de recursos humanos para unha empresa. 

Formación en liña e acompañamento

Despois das primeiras xornadas presenciais, o programa “Faino en Santiago” continuará con actividades de formación en liña e de acompañamento individualizado, que se desenvolverán desde o 12 de xullo ata o 30 de outubro. Serán sesións grupais e titorías personalizadas, de apoio ás persoas inscritas no deseño e planificación do seu proxecto. Os días 15, 22 e 29 de xullo; o 5 de agosto e o 16 de setembro están previstas ademais sesións de formación grupal, que se desenvolverán en horario de mañá pero que serán gravadas para que as persoas participantes poidan volver velas cando o precisen. 

Por último, do 12 de xullo ao 30 de outubro, haberá tamén sesións para o acompañamento ou a resolución de dúbidas. 

Desta maneira, as persoas que se sumen ao programa “Faino en Santiago” terán acceso a un conxunto de ferramentas dixitais que lles permitirán planificar, estruturar e facer seguimento real dos seus proxectos, deseñadas específicamente por Fala a Mare para o acompañamento das pequenas empresas. En concreto, abordaranse catro eixos temáticos: modelo de negocio con propósito, estratexia empresarial, planificación financeira, e comunicación.

O prazo para inscribirse no programa Faino en Santiago estará aberto ata o domingo, a través da web https://www.fainoensantiago.gal/