• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Concello de Santiago impulsa o Plan de Acción para a Economía Social e reivindica un modelo produtivo máis igualitario e sostible

Data de escritura

O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, impulsa o Plan de Acción para a Economía Social nos Barrios de Compostela. Trátase dun proxecto estratéxico que ten como obxectivo activar e consolidar o ecosistema local de economía social dende unha perspectiva de proximidade. A iniciativa enmárcase nas liñas da estratexia Feito en Santiago 2025 e da EDUSI Santiago, e está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O Concello de Santiago convoca a primeira xornada participativa do proceso, que terá lugar o luns 2 de xuño, entre as 10:00 e as 14:00 horas, no CERSIA Empresa

Este plan aposta pola economía social como motor do desenvolvemento económico inclusivo, xerador de emprego de calidade e ferramenta para transformar a realidade urbana. A cidade conta cun tecido consolidado de entidades —cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, empresas de inserción— que teñen demostrado a súa capacidade para xerar traballo digno, tecer redes solidarias e contribuír ao benestar da comunidade, especialmente en contextos de crise. O proxecto pretende recoñecer e reforzar este ecosistema, ao tempo que impulsa novas iniciativas que dean resposta a retos locais como o envellecemento da poboación, a transición ecolóxica ou a igualdade de xénero. Para iso, propón unha metodoloxía participativa baseada no codeseño, que garanta a implicación activa dos axentes implicados. 

Proceso participado

A proposta inclúe a elaboración dun documento estratéxico con medidas aplicables, campañas de visibilización, accións comunicativas e ferramentas de seguimento e avaliación que permitan medir o impacto no medio e longo prazo. O obxectivo final é construír unha folla de ruta útil e compartida que contribúa á consolidación dun modelo económico baseado na igualdade, a sostibilidade e o desenvolvemento local, en liña coa Axenda Urbana 2030 e as prioridades municipais. 

Neste contexto, o Concello de Santiago convoca a primeira xornada participativa do proceso, que terá lugar o luns 2 de xuño, entre as 10:00 e as 14:00 horas, no CERSIA Empresa. A sesión contará coa presenza da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais. Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e servirá para presentar o documento inicial e dar comezo á fase de traballo colectivo.