TR353C. Primeira experiencia profesional mocidade. Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Orde do 5 de maio de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 95 do 20 de maio de 2025).
A convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas en Galicia a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional ou de contratos de formación en alternancia, que lle faciliten a inserción laboral, coa finalidade última de proporcionar a estas persoas unha primeira experiencia no emprego, promovendo a súa empregabilidade e a retención do talento mozo na nosa Comunidade Autónoma.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes, así como das axudas concedidas en réxime de minimis.
b) Que ten centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Que cumpre os requisitos establecidos para obter a condición de persoa empregadora ou empresa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
h) Que non foi excluída do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
i) Que cumpre os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
j) Que presentou unha única solicitude, ben como persoa autónoma, ben como societaria.
k) Que coa presentación da solicitude acepta a subvención.
l) De ser o caso, que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas con anterioridade á presentación da solicitude, nos cales autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo III. O dito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
3. A presentación das solicitudes implica o coñecemento e a aceptación incondicionada destas bases reguladoras e supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa ou entidade beneficiaria dela.
4. Será causa de desestimación da solicitude non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Documentación complementaria
1. As persoas e as empresas deberán achegar coa solicitude (anexo I), cando se actúe mediante representación, a acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna dela. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas empregadoras ou empresas inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código do procedemento (TR353C) e o órgano responsable, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento, o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou empresa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.
b) NIF da entidade representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Consulta do código conta de cotización.
e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións.
j) Consulta de concesións pola regra de minimis.
k) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.
l) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos últimos doce (12) meses da persoa traballadora contratada.
m) Certificado de inscrición da persoa traballadora contratada como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da contratación.
n) Consulta de títulos oficiais universitarios, segundo proceda, da persoa traballadora contratada.
ñ) Consulta de títulos oficiais non universitarios, segundo proceda, da persoa traballadora contratada.
o) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.
2. No caso de que as persoas empregadoras ou empresas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Actuarase do mesmo xeito no caso de oposición á comprobación de datos das persoas traballadoras contratadas.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou empresa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas empregadoras ou empresas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
4. A persoa ou entidade beneficiaria someterase ás actuacións de comprobación e control que correspondan e facilitará toda a información requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa estatal ou comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
5. A persoa ou entidade solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo III. O dito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola cal se solicita subvención se opoña á comprobación de datos, farase constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentaranse os documentos que os acrediten.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán efectuarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Anexos asociados
Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para realizar contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.
1. Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación para as dúas modalidades contractuais previstas:
a) Que teñan 16 anos e non fixesen os 30 anos no momento da contratación.
b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior ao da data de inicio do contrato), preferentemente persoas paradas de longa duración, e que se encontren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.
Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se encontren nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.
c) Que non teñan unha experiencia profesional superior a un ano (365 días) no mesmo grupo de cotización en que van ser contratadas.
2. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de obtención de práctica profesional, deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
– Título universitario:
i. Grao universitario.
ii. Máster universitario.
iii. Doutoramento.
– Título de grao medio ou superior.
– Especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional.
– Título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habilite ou capacite para o exercicio da actividade laboral.
b) O contrato de traballo para a obtención de práctica profesional deberá concertarse dentro dos tres (3) anos, ou dos cinco (5) anos se se formaliza cunha persoa con discapacidade, seguintes á terminación dos correspondentes estudos. Non se poderá subscribir con quen xa obtivese experiencia profesional ou realizase actividade formativa na mesma actividade dentro da empresa por un tempo superior a tres (3) meses, sen que se computen para estes efectos os períodos de formación ou prácticas que formen parte do currículo exixido para a obtención da titulación ou do certificado que habilita para esta contratación.
3. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de formación en alternancia, deberán cumprir, ademais, o seguinte requisito:
– Carecer da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou polos certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo.
4. Os requisitos recollidos nos puntos 1, 2 e 3 deste artigo serán tamén de aplicación para as persoas traballadoras con contratos preexistentes, de maneira que non serán subvencionables aqueles contratos nos cales non queden acreditados os ditos requisitos.