PR937A Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega. Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Secretaría Xeral da Emigración
Resolución do 3 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 20 do 30 de xaneiro de 2025).
Establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, que se establezan como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta.
b) Baixa consular, certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, ou calquera outra documentación que acredite de xeito fidedigno a residencia no exterior e a data de retorno a España.
c) Alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou alta na mutualidade do colexio profesional que corresponda, na cal se recolla o réxime da Seguridade Social e a data en que tivo lugar a alta.
d) Certificación actualizada da Axencia Estatal de Administración Tributaria relativa á situación de alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou no censo de obrigados tributarios (modelo 036 ou 037), en que, necesariamente, debe figurar a data da alta, o domicilio fiscal e a localización do establecemento da actividade.
e) Plan de negocio empresarial segundo o modelo do anexo II.
Este plan deberá ter informe da súa viabilidade económica e financeira de entidade independente, entre as cales figuran os axentes de emprego e desenvolvemento local e a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Neste último caso, o informe solicitarase á Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social a través do seguinte enderezo web, https://polosemprendemento.gal/prog-retorna-emprend
f) Cando a actividade se desenvolva a través dunha empresa, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención e deberán achegar:
f.1) Escritura pública de constitución da entidade ou contrato privado onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias, segundo o caso.
f.2) Inscrición da entidade no rexistro correspondente, se é o caso.
f.3) Anexo IV de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.
5. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
2. Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.
1. Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:
a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3.
b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.
c) Ter residido no estranxeiro e que a data do retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2023, incluído.
d) Estar de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional, en todo caso, con anterioridade á presentación da solicitude.
e) Residir nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Exercer a actividade empresarial ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
g) Ter o domicilio fiscal en Galicia.
No caso de que a actividade se realice a través dunha empresa, este requisito referirase ao domicilio fiscal desta.
h) Non ter sido beneficiaria desta axuda ao abeiro de anteriores convocatorias.
i) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.