• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Talentia Summit consolídase: máis de 60.000 visitas na feira virtual, e case 3.400 prazas cubertas na formación online

Data de escritura

Talentia Summit pechou a súa edición de 2024 reafirmándose como un referente no ámbito laboral e formativo, non só en Galicia senón a nivel estatal. Este ano, a feira de talento e emprego superou todas as expectativas, con máis de 60.000 usuarios e usuarias e con 376.000 páxinas vistas ao longo dos días do evento. Ademáis fixéronse máis de 1.100 entrevistas con centros de ofertas de emprego e houbo case 2.500 currículums intermediados.

Talentia Summit

O Talentia Summit deixa neste 2024 cifras récord que consolidan a feira, organizada desde a concellaría de Emprego. Así, a plataforma da feira virtual tivo máis de 60.000 visitantes, con 376.000 páxinas vistas nos días do evento; e cubríronse 3.349 prazas nos cursos online e nas certificacións. Na feira participaron case un cento de empresas que realizaron máis de 1.100 entrevistas, e a través de Talentia foron intermediados preto de 2.500 currículos. Tamén se realizaron 300 reservas en citas de mentoría personalizada e orientadoras laborais. 

Un dos grandes momentos do evento foi o Foro Talentia, que se celebrou o pasado día 12 no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, e no que participaron expertos en talento, innovación e transformación dixital. Participaron Javier Vidaurreta (KPMG), Cristina F.-Armesto (Casa Grande de Xanceda), Águeda Ubeira (Vanetta Food), Pablo Rodríguez González (Hack a Boss), David Ryan Glowacki (investigador do CiTIUS), e Luz Castro Pena (Imaxin Software). Os asistentes puideron reflexionar sobre os desafíos do mercado laboral e como a tecnoloxía e a innovación poden ser ferramentas para construír un futuro máis inclusivo e adaptativo.

En canto á feira, consolidouse como espazo de formación e desenvolvemento profesional, con cursos online e certificacións tecnolóxicas en colaboración con institucións como Oxford e LinkedIn Learning. Este ano destacou a proposta do Talentia IT Skills Program, con formación en áreas clave como a intelixencia artificial, a ciberseguridade ou a programación, respondendo á demanda de perfís tecnolóxicos no mercado laboral. A oferta formativa estivo pensada especialmente para o público mozo, reafirmando tamén o compromiso coa igualdade e a sostibilidade