Comeza o programa de emprego "Genius": 16 mozos e mozas formaranse en tecnoloxía web e produtos audiovisuais interactivos
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, participou hoxe na apertura do programa de emprego "Genius", no que 16 mozos e mozas menores de 30 anos recibirán formación nas especialidades de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos. No acto tamén participaron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Docampo, e o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración, Juan José Couce.
O programa de emprego "Genius", que conta cun orzamento de case 440.000 euros, enmárcase na iniciativa de emprego xuvenil e o programa operativo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia 2021-2027, e está cofinanciado ao 60%. O proxecto desenvolveráse ao longo de 12 meses, e os mozos e mozas participantes combinarán a súa formación cun contrato para realizar un traballo real, centrado no desenvolvemento de aplicacións móbiles de realidade aumentada sobre a ciencia e o talento.
Promover a ciencia, a investigación e o talento
O alumnado do programa "Genius" desenvolverá unha App que, utilizando a tecnoloxía da realidade aumentada, visibilice o ecosistema do talento, a ciencia e a investigación en Santiago con diferentes recursos como o observatorio do talento en liña, para recompilar estudos e informes de axentes públicos e privados; ou o inventario/catálogo de espazos, infraestruturas e equipamentos a disposición do I+D+i. Ademais, trátase de recoñecer a "embaixadores e embaixadoras do talento de Compostela, dándolle visibilidade a profesionais de recoñecido prestixio e a estudantes con premios á excelencia académica, e promocionando a súa nominación a diferentes premios e actos de recoñecemento.
Os obxectivos do programa "Genius" son aumentar a cultura científica da cidadanía de Compostela dunha maneira divertida que incentive a curiosidade pola ciencia, mostrar como os cambios científicos teñen mellorado a nosa forma de vida, e aumentar o recoñecemento dos científics entre a comunidade en xeral.