'Semana da cidadanIA' ECAI 2024
Arranca o congreso ECAI (European Conference on Artificial Intelligence), que converterá Santiago de Compostela no epicentro mundial da investigación en intelixencia artificial (IA), o CiTIUS organiza a 'Semana da cidadanÍA': un ciclo de actividades abertas ao público concibido para achegar a IA á sociedade máis próxima de xeito divulgativo, lúdico e rigoroso
A capital de Galicia prepárase para abraiar á elite científica en Intelixencia Artificial: entre os días 19 e 24 de outubro, a celebración na cidade da European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024) -o congreso máis importante de Europa no ámbito, e un dos tres de referencia en todo o planeta-, converterá Santiago de Compostela en capital mundial da IA. Un evento de extraordinaria magnitude que conta xa con máis de 1.600 persoas rexistradas procedentes de todo o mundo, situando á cidade como un referente internacional no campo das tecnoloxías intelixentes. Cifras e expectativas de carácter global que, non obstante, conviven co interese do público local, ao que se ten reservado tempo e espazo no contexto histórico desta conferencia, a través de actividades pensadas para a sociedade máis próxima.
Paralelamente ás intensas labores de coordinación como institución responsable deste encontro, o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC), programou unha serie de encontros abertos ao público baixo o título 'Semana da cidadanIA', co obxectivo de aproveitar a oportunidade histórica desta conferencia para achegar a IA ao público xeral. As actividades terán lugar a semana previa ao congreso (entre o 14 e o 19 de outubro), e estarán distribuídas por distintos puntos da cidade, sendo de carácter gratuíto e abertas ata completar aforo, sen necesidade de inscrición previa.
Tódolos camiños de Sant (IA) go
Ó longo da semana, celebraranse distintos eventos dirixidos ó público xeral, repartidos por diversos espazos na cidade. O luns 14 de outubro, a Casa das Máquinas (Galeras), acollerá a apertura da 'Semana da cidadanIA' cunha serie de charlas divulgativas impartidas por investigadores/as do CiTIUS, que abordarán o impacto da intelixencia artificial na vida cotiá. As persoas que asistan a este encontro poderán descubrir, por exemplo, de que maneira os robots sociais interactúan de xeito natural cos seres humanos, como a intelixencia artificial integrouse nos chips, ou en que forma as tecnoloxías lingüísticas permiten que as máquinas entendan e utilicen o galego. Ademais, falarase das aplicacións da IA no campo da medicina (como por exemplo, a monitorización clínica) e exploraranse as posibilidades da realidade virtual en campos tan fascinantes como a nanociencia ou o alivio de experiencias próximas á morte.
O mércores 16 de outubro, no Café Bar Alborada de Veiga, o persoal investigador do CiTIUS ofrecerá un ciclo de charlas informais e divulgativas, no que se explicarán temas tan actuais como o uso da intelixencia artificial para crear imaxes ou contido de maneira automática (IA xerativa) ou a representación de escenas en 3D usando tecnoloxías avanzadas. Ademais, reflexionarase sobre os modelos matemáticos que nos axudan a entender como se propagan certas ideas ou fenómenos na sociedade, relacionándoos así mesmo co método científico.
O xoves 17 de outubro, o Auditorio do CGAC será escenario dunha actividade moi especial: un espectáculo de maxia fusionado con intelixencia artificial, a cargo do director do CiTIUS, Senén Barro, a enxeñeira de IA Alba Meijide, e o recoñecido mago Jorge Luengo. Este evento buscará provocar no público unha reflexión sobre as diferenzas entre a intelixencia humana e a artificial, poñendo en evidencia como ambas, aínda que avanzadas, non son infalibles.
O venres 18 de outubro, na Facultade de Filosofía da USC, un grupo de persoas expertas en diversas disciplinas analizarán os aspectos éticos, legais e técnicos relacionados coa IA, e de que maneira esta tecnoloxía pode ser percibida pola sociedade, a través dun interesante debate titulado '¿Podemos confiar na IA'?.
A Semana dá cidadanIA concluirá, finalmente, o sábado 19 de outubro, coa proxección no Auditorio do CGAC da película Justicia Artificial, recentemente estreada e dirixida por Simón Casal. Trala proxección celebrarase un coloquio moderado polo periodista Jaime García Cantero (director de contidos de El País Retina), no que se debaterá sobre os límites do uso da IA en situacións tan complexas como a toma de decisións en conflitos bélicos ou en diagnósticos médicos. O coloquio contará coa participación da produtora, Chelo Loureiro, o director, Simón Casal, e o actor Tamar Novas. A información detallada sobre este ciclo de actividades pódese consultar descargando o Programa completo da Semana da cidadanÍA.