• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

PROGRAMA CENTROS DIXITAIS 2024

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2024 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento das grandes empresas e das pemes para a creación de centros dixitais (programa Centros Dixitais) para o ano 2024, cofinanciadas no marco do programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG535B).

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar a posta en marcha de proxectos de creación de centros dixitais na provincia da Coruña que contribúan, a nivel empresarial ou local, a mellorar a dixitalización dos procesos empresariais distribuídos, o contorno das empresas e os consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial:

– Centros dixitalizados para control, xestión, monitorización, vixilancia, telemetría ou telecomando (remoto) de activos, infraestruturas, instalacións ou sistemas.

– Centros dixitalizados para simulación, control, seguimento de activos e operacións (persoas, vehículos, flotas, loxística...).

– Centros dixitalizados para o almacenamento de datos e accesibilidade a eles.

– Calquera outro centro dixitalizado que outorgue capacidades remotas de conectividade, coordinación, seguimento, monitorización ou control de activos.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto e do investimento proxectado, que se cubrirá no propio formulario electrónico de solicitude, no formato proposto pola aplicación.

b) Se é o caso, memoria dos activos que se achegan á sociedade para o funcionamento do centro dixital valorados por experto independente, indicando para cada elemento a data de adquisición ou incorporación, o valor ou custo de adquisición e o importe da amortización acumulada na data de incorporación á sociedade.

c) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, debe solicitar a persoa interesada, de acordo co establecido no artigo 5.10 destas bases, para os investimentos do proxecto de infraestrutura.

d) No caso de investimento en obra civil, deberán achegar os seguintes planos: 1º. Esbozo de localización dentro do termo municipal. 2º. Plano xeral acoutado das instalacións, en que se diferencie a situación inicial da posterior ao investimento. 3º. Planos de distribución en planta, en que se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipamento.

e) No caso de reforma en inmobles arrendados, ademais da documentación da letra d) das bases, a persoa solicitante deberá presentar o contrato de arrendamento do inmoble, cunha duración mínima de 5 anos contados desde a data prevista de posta en marcha da infraestrutura. f) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

g) No caso de que presente a solicitude o líder dunha agrupación: 1º. Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da sociedade que se vai constituír. 2º. Proxecto de estatutos da sociedade que se vai constituír. 3º. Documento de constitución da agrupación. 4º. Anexo II de comprobación de datos cuberto por cada un dos membros da agrupación.

h) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, segundo o establecido no artigo 4.2.g) das bases reguladoras, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito, de acordo co anexo VI das bases: i. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable. ii. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora. i) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH), segundo o anexo V das bases.

j) Documentación que acredite a defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060, tendo en conta as orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE do 16 se setembro) e as instrucións que desenvolva para o efecto a autoridade de xestión dos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027. Con todo, se a empresa solicitante non dispón aínda en fase de solicitude dun proxecto suficientemente definido que permita integrar a dita análise nesta fase inicial, poderá presentar a dita documentación en fase de xustificación, na cal o promotor deberá acreditar a documentación e verificación da defensa da infraestrutura fronte ao cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

As grandes empresas e as pemes, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, que adopten a forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima, preexistentes, ou que se constitúan especificamente para a explotación do centro dixital proposto.

Requisitos

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura (centro dixital) subvencionable na provincia da Coruña.

b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 20 % para proxectos da tipoloxía 2 e un 25 % para proxectos da tipoloxía 1 dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Na contribución financeira mínima do 20 % exixible nos proxectos de tipoloxía 2 non procede computar para estes efectos os activos a que se refire o artigo 8.1.b) destas bases.

E, no caso de grandes empresas, deben ademais cumprir os seguintes requisitos:

a) Creación mínima de cinco empregos directos (non se contabilizan os da fase de construción).

b) Ratio máxima de 80.000 € de axuda pública por emprego creado.

c) Mantemento do nivel de emprego creado máis o cadro de persoal existente (atendendo á media nos doce meses anteriores), durante un mínimo de 5 anos.

d) Incorporará algunha actuación significativa en relación con calquera das tipoloxías seguintes: actuación de descarbonización e/ou redución do consumo de enerxía primaria e/ou redución da contaminación; actuación de economía circular e/ou minimización do uso de materias primas e/ou reciclaxe e valorización de residuos, en particular, na reciclaxe de equipamentos de enerxías renovables; actuación de conservación ou mellora do estado ecolóxico das masas de auga ou conservación da natureza e protección da biodiversidade ou actuacións de innovación nestes ámbitos.

e) Realizarase unha análise da pegada de carbono de todo o ciclo completo do proxecto.

f) Minimizará o volume de auga e outros recursos naturais utilizados no proceso e realizarase un control das augas residuais resultantes.

g) Cando as novas instalacións estean suxeitas á avaliación ambiental integrada localizaranse preferentemente fóra da Rede Natura 2000.

h) Se se constrúen ou rehabilitan edificios ou naves industriais, farase con criterios de eficiencia enerxética de acordo co establecido no anexo I (ámbito de intervención 040) do Regulamento de disposicións comúns: lograr, por termo medio, a) unha renovación de, polo menos, un grao de profundidade intermedia, tal como se define na Recomendación (UE) 2019/786, da Comisión, do 8 de maio, relativa á renovación de edificios (DO L 127, do 16 de maio, p. 34); ou b) unha redución de polo menos un 30 % das emisións directas e indirectas de gases de efecto invernadoiro en comparación coas emisións previas.

i) Minimizarase a afección a elementos do patrimonio histórico, cultural, arqueolóxico e etnográfico. Se existise afección, avaliarase de acordo coa normativa de aplicación.