• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

PREMIOS DO COMERCIO GALEGO 2024

Consellería de Emprego, Comercio, e Emigración

ORDE do 18 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios do Comercio galego 2024 (código de procedemento IN214C).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen os premios do Comercio galego, que se aproban no anexo I, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024, co obxectivo de recoñecer o labor dos/das profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades (código de procedemento IN214C).

Os premios do Comercio galego constan das seguintes categorías:

a) Premio Comercio 2024, cunha contía de 5.000 euros.

b) Premio Comercio Traxectoria 2024, cunha contía de 3.000 euros.

c) Premio Comercio Emprende 2024, cunha contía de 3.000 euros.

d) Premio Comercio Dinamización 2024, cunha contía de 5.000 euros.

e) Premio Comercio Consumo responsable 2024, cunha contía de 3.000 euros.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación:

a) Unha memoria explicativa de todos os aspectos que fundamentan a súa candidatura.

b) A documentación acreditativa dos méritos alegados que se consideren relevantes para a valoración da súa candidatura.

c) No caso das persoas comerciantes, fotografías do comercio onde desenvolven a actividade comercial.

d) No caso das asociacións e federacións, a acta e os estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Poderán optar ás distintas categorías:

a) Premio Comercio 2024. As persoas comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Premio Comercio Traxectoria 2024. As persoas comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. O comercio onde desenvolvan a actividade comercial debe ter unha antigüidade mínima de trinta anos.

c) Premio Comercio Emprende 2024. As persoas comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. O comercio onde desenvolvan a actividade comercial debe ter unha antigüidade de entre dous e catro anos.

d) Premio Comercio Dinamización 2024. As asociacións e federacións de comerciantes retallistas e as asociacións de persoas vendedoras das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Premio Comercio Consumo responsable 2024. As persoas comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade, e as asociacións e federacións de comerciantes retallistas e asociacións de persoas vendedoras das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos

a) Premio Comercio 2024. Recoñecerase o establecemento comercial que exemplifique os valores do sector comercial de proximidade mediante a implantación dun modelo de negocio moderno, competitivo e adaptado aos novos retos.

b) Premio Comercio Traxectoria 2024. Recoñecerase a persoa cunha longa e consolidada traxectoria profesional comercial que pola súa permanencia e continuidade cree un vínculo de especial arraigo coa súa vila.

c) Premio Comercio Emprende 2024. Recoñecerase o establecemento comercial novo que ofreza á clientela unha experiencia de compra diferenciada.

d) Premio Comercio Dinamización 2024. Recoñecerase a implantación do mellor proxecto ou iniciativa de dinamización comercial nos últimos tres anos (2022-2024) co obxectivo de incrementar as vendas e potenciais clientes/as.

e) Premio Comercio Consumo responsable 2024. Recoñecerase o mellor proxecto ou iniciativa de promoción do consumo responsable.

Cada candidato/a non poderá percibir máis dun premio.

As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria vixente.