O Concello de Santiago e EspazoCoop organizan a xornada "Mulleres, líderes na economía social"
A Casa das Mulleres Xohana Torres acollerá o próximo 1 de outubro a xornada "Mulleres, líderes na economía social", organizado pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude en colaboración coa Unión de Cooperativas Espazocoop.
A concelleira María Rozas explicou hoxe que o obxectivo é "mostrar as oportunidades que ofrecen a economía social, nomeadamente o cooperativismo, para o empoderamento das mulleres e o desenvolvemento de liderados femininos".
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe a xornada nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop. A tenenta de alcaldesa explicou que "a Axenda 2030 dinos que o impulso á economía social debe ser unha das liñas do desenvolvemento económico de Santiago, pero ademais este é un modelo polo que debemos apostar se aspiramos tamén a un maior progreso social, en clave feminista".
Nese sentido, María Rozas lembrou que nas cooperativas ou sociedades laborais "existe unha menor fenda salarial ou de xénero, hai máis mulleres en postos directivos, e faise unha aposta máis clara por medidas en prol da conciliación". De feito, segundo un informe recente da Confederación Española de Empresas da Economía Social a diferenza retributiva entre homes e mulleres neste tipo de empresas é do 3%, fronte ao 26% que se dá noutras empresas. A concelleira tamén salientou que "a economía social é un modelo de ampla implantación en Santiago, con máis de 100 cooperativas e case 70 sociedades laborais, moitas delas lideradas por mulleres que veñen demostrando a súa capacidade de traballo e o seu talento". O 7% das empresas de Compostela son empresas de economía social, fronte ao 5% do conxunto de Galicia.
Programa da xornada
A Xornada "Mulleres, líderes na economía social" celebrarase o 1 de outubro na Casa Xohana Torres, en horario de 9:45 a 14:00 horas. Ao longo da mañá están prevista diferentes palestras e intervencións coas que as asistentes poderán coñecer diferentes experiencias ligadas á economía social. A primeira delas será a de Dolores Calvo, presidenta da cooperativa Condes de Albarei, e da asociación "Nós as Mulleres". Tras dela, celebrarase un panel sobre mulleres líderes na economía social galega, coa participación de Rosa Salgado, de Miraxe; Silvia Alende, de Accede Social, e Charo González, da empresa de inserción Corno Integral.
A xornada completarase cun panel sobre liderados femininos emerxentes, con Cristina Fiaño, de Urdime; Claudia Rodríguez da sociedade cooperativa Alén, e Ana Corredoira, da sociedade cooperativa As vacas da Ulloa. Por último, haberá un debate, no que intercambiarán pareceres e experiencias os poñentes e o público asistente. A inscrición pode realizarse na web https://espazo.coop/
Tal e como explicou Ana Olveira, a xornada pretende "dar a coñecer as vantaxes e potencialidades da economía social, no recoñecemento laboral das mulleres e ás súas capacidades de liderado e dirección; coñecer boas prácticas de xestión empresarial, lideradas por mulleres, e xerar un espazo de networking que favoreza o coñecemento mutuo e que poida ser semente para procesos colaborativos e de intercooperación na economía social".`
Esta iniciativa enmárcase no convenio asinado entre a Concellaría de Promoción Económica e EspazoCoop para o impulso dun sistema emprendedor na economía social, un acordo que contempla outras actividades de apoio, asesoramento e formación. O convenio, que segue as liñas de actuación fixadas na Axenda 2030, conta cun orzamento de 39.000 euros.