• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Luz verde ás convocatorias do III Premio á Excelencia Empresarial e das axudas destinadas a apoiar as empresas de Economía Social

Data de escritura

No ámbito da promoción económioca, a Xunta de Goberno deu luz verde esta mañá ás bases reguladoras e ás convocatorias dos III Premios a excelencia empresarial Axenda Urbana 2030, por un valor de 60.000 euros, e das axudas destinadas a apoiar ás empresas de Economía Social de Santiago, que contará cun orzamento de 120.000 euros. A alcaldesa Goretti Sanmartín deu detalle destas iniciativas na rolda de prensa desta mañá.

Empresas gañadoras da pasada edición dos Premios a excelencia empresarial Axenda Urbana 2030

 

O executivo municipal aprobou esta mañá as bases reguladoras e convocatoria para este ano III Edición de Premios a excelencia empresarial Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago, que contan cun orzamento de 60.000 euros divididos, en "sete premios de 5.000 euros e unha serie de mencións", segundo explicou Goretti Sanmartín. O seu obxectivo é premiar as empresas que se distinguisen polas boas prácticas no campo da conciliación laboral e familiar, economía circular, innovación, comercialización en produtos e servizos culturais, retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e, tamén, das boas prácticas de empresas de economía social.

Estas distincións están dirixidas a todas as empresas que teñan a súa sede social fiscal e, cando menos, un centro de actividade no Concello de Santiago de Compostela, baixo calquera forma xurídica admitida en dereito, e sexa cal sexa o seu campo de actividade. Establécense as seguintes categorías:

- Boas prácticas en materia de conciliación.
- Boas prácticas en materia de economía circular.
- Boas prácticas en materia de innovación e ciencia aplicadas ao modelo de negocio.
- Boas prácticas en innovación, en comercialización de produtos e servizos culturais.
- Boas prácticas de empresas de economía social.
- Boas prácticas que identifican estratexias que apostan por atraer, reter ou mellorar o talento.
- Boas prácticas aliñadas cos retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e os ODS da Axenda 2030.

Ademais, Goretti Sanmartín detallou que este ano, como novidade, terase en conta como criterio de valoración a aplicación da perspectiva de xénero e da igualdade nas propostas presentadas.

As empresas candidatas ao premio presentarán un formulario de solicitude e unha memoria para cada unha das categorías ás que concorran. O prazo de presentación de solicitudes abranguerá o período dende o día seguinte ao da publicación do extracto das bases no BOP de A Coruña e ata o día 1 de outubro de ás 23.59 horas.

Axudas á economía social

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ás bases reguladoras e á convocatoria para o ano 2024 das axudas destinadas a apoiar ás empresas de Economía Social de Santiago de Compostela, á que o Concello destinará un importe de 120.000 euros. "Compostela quere ser capital do país e vangarda" en temas relacionados "coa cooperación, coa solidaridade e coa inclusión", sinalou a rexedora.

A esta convocatoria poden optar aquelas cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción que teñan iniciada a súa actividade o 1 de xaneiro de 2024, ou que a inicien dentro do período subvencionable, e se manteñan en activo durante o ano da convocatoria. Tamén é requisito para obter as axudas que as empresas teñan a súa sede social, fiscal e, polo menos, un centro de traballo, no concello de Santiago.

Como novidade, nesta convocatoria introdúcese como criterio de valoración o triple impacto social, medioambiental, ademais de económico, que deberá estar recollido na memoria empresarial presentada,

Terán a consideración de gastos subvencionables os considerados como correntes realizados e pagos entre o 1 de xaneiro e o 1 de outubro desta ano. O importe final da subvención non poderá superar o importe máximo de 5.000 euros por beneficiario, nin o importe total do 80% dos gastos subvencionables debidamente xustificados.

O prazo para presentar as solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, e finalizará o 1 de outubro.

Documentos relacionados