AXUDAS PARA A PROMOCION DO SECTOR VITIVINICOLA NOS MERCADOS DE TERCEIROS PAISES
Consellería do Medio Rural
ORDE do 1 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR440D).
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de actividades de promoción e comunicación levadas a cabo en terceiros países e realizar a convocatoria para o ano 2025. O código de procedemento é o MR440D.
Co fin de mellorar a competitividade dos viños españois, o que inclúe a apertura e diversificación dos mercados vitivinícolas, concederase apoio financeiro con cargo ao orzamento da Unión Europea ás accións de promoción e comunicación levadas a cabo en terceiros países, nas condicións previstas nesta orde.
As solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación complementaria:
– Memoria, que deberá conter polo menos a información prevista no anexo II desta orde.
– Copia do poder ou acordo do órgano competente, se é o caso, que xustifique que quen asina como solicitante ten plena capacidade legal para facelo e para aceptar os compromisos correspondentes, na data da solicitude.
– Catálogo ou relación descritiva da carteira de produtos que se van comercializar co programa de promoción presentado. No caso de viños amparados por unha denominación de orixe, IXP ou ecolóxicos, debe xuntarse ademais un certificado do consello regulador que indique o viño dispoñible, ou a última declaración de existencias presentada.
– Relación de ofertas solicitadas e elixidas: anexo IX debidamente cuberto, acompañado de todas as ofertas solicitadas.
– Copia das escrituras e dos estatutos ou do Regulamento da entidade, organismo, organización ou empresa solicitante.
– Copia do imposto de sociedades ou documentación equivalente (no caso de persoas xurídicas) dos 3 últimos anos.
– Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, nos termos indicados no número 4 do artigo 7 desta orde.
Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Empresas vinícolas, considerando como tales aquelas empresas privadas en que, de acordo co seu último exercicio fiscal pechado, máis do 50 % da súa facturación proveña de produtos do anexo IV ou cuxa produción supere os 500 hl deses produtos. As empresas deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.
b) Organizacións de produtores vitivinícolas e asociacións de organizacións de produtores vitivinícolas, definidas de acordo cos artigos 152 e 156 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.
c) Organizacións interprofesionais.
d) Organizacións profesionais que exerzan a súa actividade maioritariamente no sector do viño e que teñan entre os seus fins estatuarios a realización de actividades de promoción.
e) Órganos de xestión e de representación das DOP e IXP vitivinícolas, así como as súas asociacións.
f) As asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño.
g) Cooperativas que comercialicen viños elaborados por elas ou polos seus asociados.
h) As entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños.
No caso das asociacións temporais ou permanentes de produtores designarase un representante da agrupación, que deberá ter poderes suficientes para poder cumprir as obrigas que corresponden á citada agrupación como beneficiaria das axudas, tal e como establece o artigo 11.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Todos os membros da agrupación obterán a condición de beneficiarios e manteranse na agrupación desde o momento de presentación da solicitude ata o cesamento das obrigas de control financeiro establecidas pola Lei 38/2003, do 17 de novembro.
Non poderán ser beneficiarios da axuda os que estean en calquera das seguintes situacións:
a) Situación de crise, segundo se define nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo de 2014).
b) En proceso de solicitar a declaración de concurso voluntario.
c) Ter sido declarados insolventes en calquera procedemento.
d) Acharse declarados en concurso, agás que neste adquirise a eficacia un convenio.
e) Estar suxeitos a intervención xudicial ou ter sido inhabilitados conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.