PROGRAMA DE ADQUISICION DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS EN MATERIA DE INTERNACIONALIZACION EMPRESARIAL
Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG414A).
O obxecto destas bases é a convocatoria de 50 prazas para a capacitación de profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que as axuden a mellorar a súa competitividade.
As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación (no caso de que estea redactada nunha lingua non oficial en Galicia, deberase presentar acompañada de tradución realizada por intérprete xurado):
1. Acreditación dos requisitos mínimos segundo o expresado no artigo 4 destas bases.
a) Curriculum vitae.
b) Copia do pasaporte no caso de que o solicitante sexa estranxeiro e non teña o número de identificación de estranxeiría (NIE).
c) Xustificante de ter pagadas as taxas para a obtención do título de estudos universitarios acadado segundo o expresado no artigo 4.3, en defecto do título. A titulación pódese obter e acreditar ata 5 días despois da publicación da resolución de concesión, a non presentación suporá a imposibilidade de ser persoa beneficiaria da bolsa. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha copia da homologación concedida polo Ministerio de Educación español (isto non se require para os títulos de máster).
d) Se for o caso, certificado sobre o nivel do idioma inglés.
e) Declaración responsable de data posterior á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia onde conste que a persoa solicitante non padece enfermidade nin limitación física ou psíquica incompatible coa realización das actividades que constitúen o obxecto da bolsa.
2. Acreditación doutros requisitos baremables segundo o expresado no artigo 12.2 destas bases:
a) Acreditación, se é o caso, da formación específica de posgrao en comercio exterior segundo o expresado no artigo 12.2.f): copia do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude, agás os másters citados no artigo 12.2.f) que poderán estar finalizados ata o 30 de xullo de 2024 e deberán estar incluídos na solicitude no prazo de 7 días contado desde esa data.
b) Acreditación, en su caso, doutra formación de posgrao segundo o expresado no artigo 12.2.g): copia do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.
c) Se for o caso, certificados relativos ao nivel de idiomas segundo o estipulado no artigo 5.2.
Persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ter menos de 35 anos na data de presentación da solicitude.
2. Ser nacidas en Galicia e estar nacionalizadas nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia cun ano de antigüidade á data de publicación das bases.
3. Estar en posesión dalgunha titulación universitaria superior de grao e que permita o acceso aos estudos oficiais de máster universitario de acordo co establecido no Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización do ensino universitario e o procedemento de aseguramento da súa calidade:
i. Título universitario oficial de graduada ou graduado español;
ii. Títulos procedentes de sistemas educativos que non formen parte do EEES, que equivallan ao título de grao. Así mesmo, é imprescindible acreditar un mínimo de 240 ECTS en todos os casos. A titulación pódese obter e acreditar ata 5 días despois da publicación da resolución de concesión, a non presentación suporá a imposibilidade de ser persoa beneficiaria da bolsa. Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español antes de que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Polo que se refire aos títulos de máster, non se require que estean homologados.
4. Coñecementos de inglés (falado e escrito). Deberá acreditarse o nivel mínimo de idioma inglés B1. Esta capacidade acreditarase mediante unha das dúas opcións seguintes:
a) A realización dun exame no cal os aspirantes deberán demostrar como mínimo un nivel B1 do Marco común europeo de referencia para as linguas.
b) Achegar algún dos certificados de idioma inglés relacionados no anexo III das bases, sempre que este teña menos de tres anos de antigüidade na data de fin do prazo de presentación de solicitudes.
5. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007 para ser considerada persoa beneficiaria de subvencións.
6. Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciaran a elas con posterioridade ou lles fora determinado un incumprimento total.
7. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario electrónico a declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11.h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
8. Achegar a declaración responsable de data posterior á publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia onde conste que a persoa solicitante non padece enfermidade nin limitación física ou psíquica incompatible coa realización das actividades que constitúen o obxecto da bolsa.
9. Non ter antecedentes penais, nin estar incurso en causa penal con medidas cautelares que puidesen impedir o normal desenvolvemento da bolsa, mentres se emite sentenza firme, do cal se deberá informar o Igape. De non ser absolutoria, producirá a perda da bolsa e a devolución dos importes percibidos, de ser o caso. A declaración deberase cubrir no formulario electrónico de solicitude.