AXUDAS Á IMPLANTACION DE MEDIDAS NO AVANCE NO CUMPRIMENTO DE CRITERIOS AMBIENTAIS, SOCIAIS E DE GOBERNANZA (ASG)
Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas pemes galegas para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300F).
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) nas pemes, cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desperdicios, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso en outros procesos produtivos; e tamén aquelas actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.
Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
a) Proxectos individuais en que unha peme aborda medidas de impacto nos factores ASG, especificamente deseñadas ou desenvolvidas para o seu ámbito de actividade.
b) Proxectos colectivos de simbiose industrial en que un grupo de empresas (cun mínimo de tres empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto ASG para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais ou propor actuacións de impacto social de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o impacto social, o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos obxectivos a que se dirixe o proxecto (artigo 1).
b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 6.7 destas bases reguladoras.
c) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
d) Poder do representante que presenta a solicitude, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
e) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación segundo o establecido no artigo 4.2.
As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos aos empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto
Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipamentos para os cales solicitan a axuda.
b) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos), que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial, nin nos proxectos individuais (modalidade a) nin como pemes membros das agrupacións previstas nos proxectos colectivos (modalidade b).
c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.
d) As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).
e) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
f) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 €, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.