O Concello incorpora o programa FemCoders ao Plan Integrado de Emprego
Un cento de mulleres desempregadas están a recibir formación e asesoramento no marco do Programa Integrado de Emprego que desenvolve o Concello de Santiago, a través da concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Ecoómica e Xuventude. A súa responsable, María Rozas, deu conta hoxe das actividades, que se desenvolven ata o mes de novembro. Entre elas destaca a acción FemCoders, unha actividade novidosa dirixida a reducir a fenda dixital de xénero no sector tecnolóxico.
O Programa Integrado de Emprego do Concello de Santiago está dirixido exclusivamente a mulleres desempregadas inscritas como demandantes de emprego, e tén o obxectivo de mellorar a súa ocupabilidade e inserción laboral.
Entre as actividades do Plan Integrado de Emprego, María Rozas salientou unha iniciativa novidosa que ten como obxectivo reducir a fenda dixital de xénero no sector tecnolóxico, "e máis en concreto o ámbito da programación, no que as empresas adoitan contar exclusivamente con traballadores homes". Trátase do programa FemCoders, que se desenvolve en colaboración con Factoría F5, unha asociación sen ámimo de lucro que tén en marcha a primeira rede de escolas dixitais solidarias, inclusivas e gratuítas do Estado. Santiago incorporouse a esta acción, "que non é unha formación ao uso, senón que se basea nun traballo práctico moi intensivo e un acompañamento posterior e un labor de mediación coas empresas para lograr a inserción laboral das participantes".
Formación intensiva
A representante de Factoría F5, Rebeca Rodríguez, explicou que a entidade traballa con colectivos vulnerables, "co obxectivo de tender pontes entre estas persoas e o sector tecnolóxico, coas empresas que tamén teñen dificultades para procurar determinados perfís profesionais". A actividade consiste no desenvolvemento de obradoiros intensivos, cun enfoque totalmente práctico e orientado cara a inserción laboral. Deste xeito, as mulleres participantes recibirán unha formación de 850 horas en seis meses, a través dunha aula virtual na que traballan en tempo real e en equipo. A formación está centrada no desenvolvemento de páxinas web, e non se requiren coñecementos previos de programación. Rematada a fase da formación, Factoría F5 mantén o asesoramento de cara a inserción laboral.
O programa FemCoders de Factoría F5 chega a Santiago coa garantía de ter sido elixido finalista do "Google.org Impact Challenge for Women and Girls 2021", entre case 8.000 proxectos presentados, destinados ao empoderamento feminino. O ano pasado, esta actividade logrou unha taxa de éxito do 76% entre as persoas participantes no norte do Estado.
Ademais desta actividade, no Programa Integrado de Emprego séguense desenvolvendo ata o mes de novembro diferentes actividades formativas, pensadas para atender a demanda laboral existente na nosa comarca. Así, están previstos cursos de soldadura, xardinería, manipulación de alimentos, habilidades sociais ou inglés. Ademais, xa se realizaron outras actividades relacionadas con ofimática, atención ao cliente, xestión e animación do lineal no punto de venda, ou igualdade de oportunidades.