SUBVENCIONS A PROXECTOS TRACTORES DE ENOGASTRONOMIA DE GALICIA
Axencia de Turismo de Galicia
RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores da enogastronomía de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503J)
Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para a posta en marcha de proxectos tractores que teñan un efecto transformador no sector turístico enogastronómico de Galicia, cos obxectivos de ampliar a oferta de aloxamento e de restauración e promover un turismo enogastronómico sustentable na Comunidade Autónoma de Galicia.
Trátase de proxectos tractores con efectos a longo prazo, que contribúan á transición verde, á creación de emprego, á sustentabilidade turística do destino e á posta en valor da enogastronomía de Galicia. Os beneficios da actuación non se limitarán a empresa en cuestión, senón ao sector turístico e á sociedade en xeral a través de efectos indirectos positivos.
As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:
a) Documentación que acredite a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 24. Deberá achegar documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro título de disposición válido en dereito en que, ademais, se autorice a realización da actuación solicitada.
b) Memoria explicativa en que se definan de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se van desenvolver e que, se é o caso, comprenderá: • Planos de localización do investimento. • Relación, indicando calidades, dos materiais e acabamentos propostos. • Relación detallada dos bens mobles e equipamentos, de ser o caso, con indicación das calidades, localización e número que se van instalar. • Reportaxe fotográfica do ben sobre o cal se vai actuar: exteriores, interiores e da contorna, así como fotografías en que se aprecie de maneira concreta o elemento ou elementos obxecto da actuación.
c) Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa deberase achegar, ademais: • Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente. • Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.
d) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, no caso de grandes empresas.
e) Para o caso dos gastos da liña 1, memoria xustificativa da contribución do proxecto á sustentabilidade.
f) Para o caso dos gastos da liña 3, memoria explicativa co proxecto dixital que se vai desenvolver.
g) De ser o caso, os acordos ou convenios de colaboración que xustifiquen as colaboracións entre os axentes públicos e privados do territorio e unha memoria descritiva da contribución á dinamización económica da rexión.
h) De ser o caso, memoria descritiva da contribución dos proxectos para a implantación de novas fórmulas de xestión ou programas de actividades ou sensibilización ambiental á sustentabilidade turística da rexión.
i) Memoria descritiva da experiencia enogastronómica que se pretende poñer en marcha.
j) Orzamento do investimento desagregado por partidas en que se especificará o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra, e todo o equipamento proposto.
k) As tres ofertas de diferentes provedores consonte o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se é o caso. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
l) Documentación acreditativa da representación suficiente para actuar en nome da empresa.
m) Anexo VII de declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 7.
n) Aceptación de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo VIII).
ñ) Declaración responsable do cumprimento dos principios transversais establecidos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e o cumprimento do principio DNSH (anexo IX).
o) Memoria económico-financeira que xustifique a viabilidade do proxecto no medio ou longo prazo. Deberá incluír un resumo executivo, as consideracións tecnolóxicas e viabilidade técnica, unha análise de mercado, a planificación temporal, as proxeccións financeiras e os resultados esperados.
p) Informe previo favorable da Axencia de Turismo de Galicia sobre o cumprimento da normativa de aplicación para a tipoloxía e categoría de establecemento.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nestas bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento da presentación da solicitude de axuda.
Será requisito da actuación subvencionable que o proxecto achegado teña como finalidade a creación dun novo establecemento de aloxamento turístico ou restauración, segundo os artigos 55 e 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, de acordo con algunha das seguintes tipoloxías:
• Establecementos hoteleiros.
• Pensións.
• Apartamentos.
• Vivendas turísticas.
• Establecementos de turismo rural.
• Albergues turísticos.
• Campamentos de turismo.
• Establecementos de restauración (restaurantes, cafetarías, bares).
Os proxectos deberán cumprir, polo menos, dúas das seguintes condicións:
• Creación dun mínimo de cinco postos de traballo directos. Deberá achegarse unha declaración responsable coa solicitude en que conste este compromiso, que deberá materializarse antes do remate do prazo de xustificación.
• Creación de vínculos con axentes públicos e privados do territorio que poidan exercer un efecto panca positivo no sector turístico ou outros sectores de actividade. Deberán achegarse os acordos ou convenios de colaboración que xustifiquen as colaboracións e unha memoria descritiva da contribución á dinamización económica da rexión.
• Contribución á sustentabilidade turística, mediante a implantación de novas fórmulas de xestión (utilización de produtos de proximidade ou ecolóxicos, implantación de fórmulas de reciclaxe...) ou ben mediante programas de actividades ou sensibilización ambiental para as persoas usuarias turísticas. Deberá achegarse unha memoria descritiva da contribución á sustentabilidade turística.