AXUDAS Á NOVA PARTICIPACION DE AGRICULTORES EN RÉXIMES DE CALIDADE
Axencia Galega da Calidade Alimentaria
RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR362A).
A resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, así como proceder a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2024 (código de procedemento MR362A).
Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos, de ser o caso, os custes dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do réxime. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol. No caso das persoas beneficiarias que teñan esta condición por mor de comezar unha nova orientación produtiva dentro da produción ecolóxica, os gastos deberán estar relacionados con esa nova orientación produtiva.
A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de solicitantes persoas xurídicas, documentación acreditativa da condición de representante da persoa que asina a solicitude.
b) Certificación do consello regulador correspondente que acredite que se trata dun/dunha agricultor/a que participa por primeira vez no réxime de calidade e indique a data de incorporación ao dito réxime. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo II.
c) No caso de agricultores/as que solicitan a axuda por iniciar a actividade nunha nova orientación produtiva en agricultura ecolóxica, certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) conforme esta nova orientación produtiva acada a dimensión mínima que se establece no anexo III. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo IV.
d) No caso de solicitantes que participan nalgún outro réxime de calidade, certificación do consello regulador correspondente que acredite a súa inscrición. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo V.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias.
Que cumpran a condición de agricultor activo conforme o establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) núm. 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, e que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2 e recollidos no PDR de Galicia 2014-2020. En todo caso, a data da alta no réxime de calidade ten que ser posterior ao 18 de novembro de 2015, data de aprobación do PDR de Galicia 2014-2020 e anterior á data límite do período subvencionable que se defina en cada convocatoria.
No caso do programa de calidade relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova participación aquela que se refira a agricultores/as que, tendo previamente actividade no dito programa, inicien a actividade de produción ecolóxica con destino ao mercado en relación con algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación produtiva debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo. Para estes efectos, no anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, os valores que se deben superar para considerar que a actividade ten vocación comercial e, polo tanto, está por riba dos valores do mero autoconsumo