SUBVENCIONS A SALAS DE CINE PARA PROXECTOS DE INNOVACION
Axencia Galega das Industrias Culturais
RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións a salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia para proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT207M).
Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para impulsar proxectos dirixidos a innovar e mellorar o funcionamento dixitalizado e sustentable das salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia, e fomentar medidas de captación de público e de adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual nestes espazos, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e convocalas para o ano 2024.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
1. Documentación administrativa:
1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritas no Rexistro Mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
1.4. No suposto de agrupación de entidades, nomeamento do representante ou apoderado legal único, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, se corresponde á entidade e o compromiso de non disolución destas ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
1.5. Copia da escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito que mostren a dispoñibilidade da sala por parte da persoa solicitante.
2. Documentación específica:
2.1. Ficha resumo coa memoria técnica do proxecto e da empresa ou entidade privada (anexo III), na cal se especifiquen os aspectos que se recollen nos criterios de valoración destas bases.
2.2. Orzamento de gastos do proxecto (anexo V).
2.3. Dossier único que conteña a seguinte información, que se corresponde cos criterios de valoración descritos no artigo 15, ordenada segundo se detalla:
2.3.1. Documentación acreditativa das películas de produción galega exhibidas nos anos 2022 e 2023.
2.3.2. Documentación acreditativa das películas en versión orixinal galega exhibidas nos anos 2022 e 2023.
2.3.3. Documentación acreditativa da porcentaxe de películas de produción europea ou iberoamericana exhibidas nos anos 2022 e 2023. 2.3.4. Documentación que acredite a composición do cadro de persoal estable da empresa durante os anos 2022 e 2023.
Autoavaliación dos criterios automáticos de valoración (anexo VII).
1.-Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo.
2.-Poderán ser beneficiarias as agrupacións de titulares e/ou arrendatarios de salas de exhibición cinematográfica situadas na Comunidade Autónoma.
Para o caso de persoas físicas e xurídicas (1):
a) Ter, social ou estatutariamente, como obxecto social a exhibición comercial de películas cinematográficas, no suposto de persoas xurídicas. b) Estar dadas de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe 963.1, no momento da publicación desta convocatoria.
c) Ser titulares ou posuidoras, por calquera título válido en dereito, da sala ou salas de exhibición cinematográfica situadas na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coa definición que destes establecementos se determina no Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia (punto III.1.1. do anexo do dito decreto).
Para o caso de agrupacións (2):
a) Presenten, coa solicitude da axuda, o documento de constitución da agrupación onde deberá constar o nivel de participación de cada membro, así como os dereitos e obrigas.
b) Todos os membros da agrupación reúnan os requisitos necesarios para obter a condición de persoas beneficiarias.
c) Designen unha persoa representante con capacidade para actuar en nome e por conta de todos os titulares ou arrendatarios que conforman a agrupación. A dita persoa será aquela integrante da agrupación que asuma o maior compromiso de execución de gasto ou que resulte designada entre todos os membros cando a porcentaxe de execución sexa equitativa.
d) A persoa representante deberá asumir a realización dos trámites relacionados coa presentación da solicitude, o cumprimento das obrigas derivadas do outorgamento da subvención e a súa xustificación.
e) A agrupación non se poderá disolver ata que transcorresen os prazos de prescrición para o reintegro e infraccións, de ser o caso, previstos nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.