• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O CSC Maruxa e Coralia acolle desde hoxe a exposición "Economía social no corazón da nosa historia"

Data de escritura

O Centro Sociocultural Maruxa e Coralia acolle desde hoxe a exposición "Economía Social no corazón da nosa historia", organizada pola concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, e o Foro pola Economía Social Galega para darlle visibilidade a "un modelo que, alén das grandes cifras económicas, pón o foco na situación das persoas, a calidade do emprego, o uso responsable dos recursos ou o impacto ambiental". Así o explicou a concelleira María Rozas, que visitou a mostra acompañada polo presidente do ForoEsGal, Celso Gándara, e doutros representantes das entidades de economía social de Galicia e da Corporación municipal.

A Concelleira María Rozas visitou a exposición no CSC Maruxa e Coralia
Outra imaxe da visita á que tamén asistiron membros da Corporación municipal
María Rozas estivo acompañada polo presidente do Foro pola Economía Social de Galicia, Celso Gándara
A exposición "Economía Social no corazón da nosa historia" é unha homenaxe ás pioneiras da Economía Social

A concelleira de Promoción Económica explicou que esta mostra chega ao CSC Maruxa e Coralia "no marco do compromiso co Goberno local co apoio e fomento da economía social, un camiño que o Concello de Santiago iniciou xa en 2016 e no que queremos seguir avanzando". María Rozas sinalou que a Economía Social é, ademais, "un dos eixos vertebradores da Axenda Urbana 2030, e temos o convencemento de que Compostela é o ecosistema acaído para estas entidades, que nos ofrecen a súa resiliencia, a súa capacidade para fixar poboación, e a súa vontade de redistribución da riqueza". A concelleira insistiu tamén vontade de colaboración do Concello coas entidades de economía social, e lembrou que a concellaría de Promoción Económica está a traballar nun Plan de Acción da Economía Social nos barrios "no que o sector debe ter un papel protagonista".

Pola súa banda, Celso Gándara salientou que esta é unha exposición "de historias de heroes, que xa nos séculos IX e X decidiron non ser indiferentes antes as necesidades das sociedades nas que vivían, e buscar respostas diante destas necesidades". O presidente de ForoEsGal explicou tamén que "detrás destas fotos, destas historias, e destas empresas, o que hai é unha mirada desde o corazón para atender as necesidades sobre todo das persoas máis vulnerables".

Homenaxe ás pioneiras

A exposición "Economía Social no corazón da nosa historia" é unha homenaxe ás pioneiras da Economía Social a través dun percorrido pola historia deste modelo de facer empresa en Santiago, desde as asociacións gremiais ata as cooperativas. A mostra está composta por dez paneis, nos que tamén se dá conta dos números da Economía Social en Galicia, onde o 5% das empresas privadas pertencen a este modelo. No conxunto da comunidade, temos máis de 4.700 organizacións de economía social, que lle dan emprego a case 25.000 persoas.

O Foro pola Economía Social naceu en 2018 impulsado polas organizacións máis importantes da economía social galega: a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL), a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (CEGASAL) e Espazocoop, Unión de Cooperativas Galegas. Na visita á mostra participaron representantes de todas estas entidades.