SUBVENCIONS PARA A EDICION DE AUDIOLIBROS E LIBROS DE LECTURA FACIL
Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
ORDE do 27 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición de audiolibros e libros en lectura fácil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (códigos de procedemento CT238B e CT238C).
Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2024, na epígrafe 476.1 edición de libros, do imposto de actividades económicas.
As axudas van dirixidas a apoiar o sector editorial no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións en formato audiolibro e libros adaptados en lectura fácil en galego, editados, comercializados e distribuídos entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 30 de setembro de 2024.
Modalidade A. Produción e comercialización de audiolibros en galego.
Modalidade B. Produción e comercialización de libros en lectura fácil.
As persoas, físicas ou xurídicas, interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación común ás dúas modalidades:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación poderá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón https:// sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Copia do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.
c) Certificación de situación no Censo de actividades económicas da Axencia Estatal da Administración Tributaria, no caso de que a editorial teña o domicilio fiscal fóra de Galicia.
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas, físicas ou xurídicas a que se refire o artigo 1 da presente orde (Primeiro parágrafo do Obxecto da convocatoria)
As persoas, físicas ou xurídicas, solicitantes deben acreditar a condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.