A mocidade compostelá desempregada formarase en Márketing Dixital e Cooperativismo da man da Fundación Paideia e a Concellaría de Promoción Económica
Santiago será unha das catro cidades do Estado que acollan o programa de formación de Marketing dixital e Cooperativismo organizado pola Fundación Paideia Galiza e a Escuela de Organización Industrial, grazas á colaboración da Concellaría de Promoción Económica. A actividade, dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 29 anos e totalmente de balde, desenvolveráse no Cersia ata o mes de xullo. A concelleira María Rozas presentou hoxe o programa formativo, nunha rolda de prensa na que a Fundación Paideia estivo representada por Juan Soriano e Fabiola Seoane.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude salientou que "este programa conxuga varias cuestións que son do máximo interese para o departamento: aposta pola mocidade, pola actividade emprendedora, e polo cooperativismo, un modelo produtivo clave para avanzar en termos de progreso económico e social". María Rozas agradeceu aos organizadores que traian este proxecto a Santiago na súa terceira edición, e mostrouse convencida de que das clases "sairán proxectos que acaben sendo cooperativas e empresas exitosas".
O programa formativo Marketing Dixital e Cooperativismo da Fundación Paideia Galiza e a Escuela de Organización Industrial celebra a súa terceira edición en Santiago, A Coruña, Sevilla e Córdoba. No caso de Compostela, está prevista unha sesión de presentación o próximo día 16 no edificio Cersia de San Lázaro, mentres que a formación comenzará o 19 no mesmo espazo. No programa poden participar mozos e mozas de entre 16 e 29 anos, que recibirán máis de 200 horas de formación presencial, en horario de 10.00 a 14.00 horas, ata o mes de xullo. Ademais, o alumnado participante viaxará unha semana a Andalucía, para coñecer o tecido empresarial do marketing dixital.
Durante a formación, o alumnado traballará en diferentes proxectos de emprendemento, que presentarán nun evento final, o Demoday, que será tamén o marco no que aqueles proxectos que queiran poidan presentarse a un concurso promovido pola Fundación Paideia Galiza e a Deputación da Coruña. O gañador recibirá un premio de ata 60.000 euros para financiar a posta en marcha do seu primeiro ano de actividade.
No curso, o alumnado recibirá formación sobre marketing dixital e comunicación, atendendo a cuestións como a xestión de redes sociais, a creación de campañas de publicidade, branding e posicionamiento, diseño de web ou analítica. Tamén haberá módulos sobre ferramentas de negocio e emprendemento e cooperativismo, incluída a planificación financeira e a administración e xestión de proxectos.
Inscricións abertas
O programa formativo Marketing Dixital e Cooperativismo é de balde, e as inscricións seguen abertas. Poden realizarse a través do correo electrónico juventud@paideia.es, no teléfono 981 223 927; ou a través de whatsapp no 606 026 202. Pódese atopar toda a información do programa na web www.paideia.es