AXUDAS Á VALORIZACION, SEGUNDA TRANSFORMACION, E ECOINNOVACION DA INDUSTRIA FORESTAL
Axencia Galega da Industria Forestal
RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024 en réxime de concorrencia competitiva as axudas á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal galega e do contract como anticipada de gasto (código de procedemento IN500B).
Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias nos seus procesos de produción vinculados á transformación da madeira e os seus derivados, resina, cortiza así como doutros produtos de orixe forestal, exceptuando os alimentarios, e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade, a diversificación, ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou solucións, produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental. Serán igualmente subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución que teñan como obxectivo a dixitalización e a mellora da seguridade e saúde na contorna laboral das empresas da industria forestal e do contract.
Considéranse subvencionables as seguintes actuacións desagregadas por liñas estratéxicas:
Liña 1. Competitividade e valorización. Investimentos dirixidos á mellora da competitividade das industrias forestais e á valoración dos seus produtos.
Liña 2. Mobiliario, contract e construción. Investimentos vinculados á fabricación de mobiliario de madeira e de produtos de madeira para a construción.
Liña 3. Dixitalización. Investimentos para a dixitalización da industria forestal vinculados aos procesos que utilicen madeira ou os seus derivados.
Liña 4. Certificacións, ensaios e informes. Investimentos necesarios para a obtención de certificados ambientais, de calidade ou de sostibilidade ambiental, social e económica así como marcas de conformidade de produto ou ensaios de caracterización dos mesmos.
Liña 5. Seguridade e saúde na contorna laboral. Investimentos dirixidos á mellora da seguridade e saúde da industria forestal así como á mellora e adecuación das condicións de seguridade contra incendios dos activos.
Liña 6. Ecoinnovación.
a) Investimentos vinculados ao ecodeseño de produtos ou materias que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ou longo do ciclo de vida, respecto a outras alternativas ou modelos anteriores.
b) Investimentos para a implantación de solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais nos procesos propios das persoas beneficiarias.
c) Investimentos para a introdución de ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo III: comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, no caso de muller xerente ou directiva.
b) Anexo IV: memoria do proxecto que se vai realizar e das características da persoa solicitante para as que solicita baremación. Neste sentido, so serán considerados aqueles criterios de baremación debidamente consignados no anexo.
c) Memoria asinada pola persoa solicitante ou representante onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo IV da presente resolución. d) Documentación xustificativa de acreditación da representación da empresa, no caso de que a solicitude non estea asinada por representante legal.
e) Escrituras sociais de constitución e modificacións posteriores, no caso dunha sociedade, certificación da situación censual, no caso de autónomos e estatutos sociais, no caso de asociacións, organizacións fundacións e entidades sen ánimo de lucro.
f) Documentación acreditativa dos requisitos previos para pequenas e medianas empresas.
g) Documentación relativa aos investimentos.
Poderán ser persoas beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal (exceptuando os produtos alimentarios) como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014, da Comisión, do 25 de xuño. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
Para a liña 3 establecida no artigo 4 tamén poderán ser beneficiarias as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira que desenvolvan a súa actividade en Galicia. Así mesmo, e exclusivamente no caso de investimentos vinculados á dixitalización da industria forestal e á rastrexabilidade dos produtos forestais, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) que presten servizos de transporte de mercadorías por estrada e que desenvolvan a súa actividade en Galicia.
Para a liña 5 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) que presten servizos de prevención de riscos laborais, así como as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. En calquera caso, deberán desenvolver a súa actividade en Galicia.
Para a liña 6 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) radicadas en Galicia que implementen ou desenvolvan solucións ecoinnovativas baseadas en madeira.
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do importe do mesmo ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta polo importe do investimento.
3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado á data de publicación da convocatoria-Modelo 390 ou Modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda).
b) Deberán ter vixente na data de publicación da convocatoria un seguro de responsabilidade civil para as actividades propias da industria forestal e do contract ou vinculadas á transformación de produtos de orixe forestal e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais. As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que dispoñen do seguro de responsabilidade civil vixente e, no suposto de ser exixible, do contrato de prevención de riscos laborais.
c) Deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou ben, deberán estar dados de alta nalgún código da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou dispor de calquera outro medio válido en dereito que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.