AXUDAS PARA IMPLANTAR A IGUALDADE LABORAL, A CONCILIACION, E A RSE
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
ORDE do 15 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D).
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas e incentivos a pemes, a persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo e para implantar a igualdade laboral, código de procedemento administrativo (TR357C), adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral, código de procedemento administrativo (TR357D), así como implantar sistemas de xestión de responsabilidade social empresarial (RSE), código de procedemento administrativo (TR357B), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Liña I: elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) nos termos definidos no capítulo III do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.
Liña II: conciliación (TR357D) que, á súa vez, comprende tres subliñas: Subliña II.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.
Subliña II. 2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria. Incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria. Subliña II.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.
Liña III: certificacións de RSE (TR357B). Subvencionarase a obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial. Poderán ser as que se relacionan ou equivalentes: empresa familiarmente responsable-EFR (conciliación); global reporting initiative (GRI); united nations global compact (Pacto mundial); ISO 37301; SGE 21; Global Accountability 1000 (AA 1000); EMAS, ISO 14000 (ambiente); ISO 16064; UNE-ISO 21401; ISO 50001; SA 8000, IQNet SR10, Bequal (discapacidade), ISO 45001 (seguridade e saúde laboral), certificación empresa saudable, así mesmo, selo de horarios racionais (SHR).
As solicitudes das distintas liñas desta orde deberán formalizarse por separado para cada unha destas e, de ser o caso, por cada unha das subliñas.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I, II ou III) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
As empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas.
Para as liñas II e III tamén poderán presentar solicitude as empresas con centros de traballo en Galicia.
No caso da liña I, as empresas deberán contar como mínimo con dez persoas traballadoras e cun máximo de 49, salvo no caso dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que poderán superar o dito número.
Para a liña II, se a solicitude é para as subliñas 1 e 3, as empresas deberán contar cun mínimo dunha persoa traballadora, e se a solicitude é para a subliña 2, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras.
Para a liña III, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras.
Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase o número de persoas traballadoras por conta allea na data da presentación da solicitude. As empresas deberán manter o número mínimo de persoas traballadoras exixido para cada liña durante todo o período establecido no artigo 2. Para a liña I, as empresas beneficiarias non poderán superar o número de 49 persoas traballadoras durante todo o período establecido no artigo 2.
O disposto nesta orde respecto do persoal traballador enténdese aplicable tanto ás persoas traballadoras por conta allea como ás persoas socias traballadoras das cooperativas de traballo asociado sempre que estean no réxime xeral da Seguridade Social.
Para todas as liñas será necesario que as entidades solicitantes teñan unha taxa de estabilidade cando menos do 50 % desde o 1 de xaneiro de 2024 e durante todo o período de execución das axudas. Para o cálculo desta porcentaxe só se terán en conta as persoas traballadoras con contratos indefinidos a tempo completo sobre o total dos contratos das persoas traballadoras da empresa.
As entidades solicitantes deben estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social para os efectos de subvencións e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración xeral da Comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.