AXUDAS A PERSOAS TRABALLADORAS AUTONOMAS POLA CONTRATACION INDEFINIDA E A FORMACION DE PERSOAS ASALARIADAS
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR349F).
A finalidade do programa é favorecer a creación de novos empregos estables e contribuír ao crecemento de pequenas unidades produtivas con potencialidade para a creación de emprego, a través da concesión dunha contía fixa que contribúa a que as persoas autónomas fagan fronte á contratación de persoas traballadoras.
Este programa inclúe dous tipos de axudas compatibles entre si:
1. Bono de contratación, cuxas particularidades se recollen no capítulo II desta orde, e por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
2. Bono de formación (opcional), cuxas particularidades se recollen no capítulo III desta orde, e por medio do cal se proporcionará unha subvención ás persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, para que leven a cabo accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio desta orde, co obxecto de mellorar os seus coñecementos e as habilidades relacionadas co posto de traballo.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito, só no caso que non estea inscrito no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia. Os poderes inscritos no dito rexistro poderán ser comprobados de oficio polo órgano xestor.
b) Documentación que acredite que se trata do primeiro, segundo ou terceiro posto de traballo de carácter indefinido (vida laboral da persoa autónoma como empresaria desde o inicio da actividade ata a data da contratación indefinida da persoa traballadora pola cal se solicita subvención, incluíndo todas as contas de cotización: informe de vida laboral dun código conta de cotización).
c) TA2 de baixa das persoas traballadoras indefinidas contratadas que causaron baixa por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba, de ser o caso.
d) Certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional, con indicación dos períodos de alta nela, de ser o caso.
e) Documentación acreditativa da condición de risco ou situación de exclusión social, de ser o caso.
f) Documentación acreditativa da discapacidade nos casos de discapacidade recoñecida fóra de Galicia, de ser o caso.
g) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de persoa emigrante retornada, de ser o caso.
h) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de persoa emigrante retornada, de ser o caso.
i) Documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer, no caso de solicitar o incremento por persoa trans.
j) No caso de contratacións fixas descontinuas, sempre que a información non conste na comunicación do contrato de traballo: – Declaración ou documentación acreditativa da xornada prevista e indicación da xornada completa que lle corresponde segundo convenio, para poder calcular a porcentaxe. – Declaración ou documentación acreditativa do período de actividade previsto con carácter anual.
k) No caso de que as persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan se opuxeran á comprobación dos datos, documentos acreditativos das condicións necesarias para que o contrato sexa subvencionable.
Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.
Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).
Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran, nin as persoas autónomas colaboradoras.
Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.