PROGRAMA DO BONO DAS PERSOAS AUTONOMAS
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR341Q).
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341Q), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Estas bases fixan os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para impulsar a mellora da competitividade mediante investimentos relacionados directamente co seu negocio, segundo o disposto no artigo 6 desta orde.
Esta axuda terá unha liña de actuación, de mellora da competitividade, a través dos seguintes tipos de investimentos:
• Compra de maquinaria.
• Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.
• Inversións para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
• Compra de enxoval e ferramentas.
• Reforma do local ou espazo do negocio.
• Equipamento informático.
• Equipamento de oficina e/ou negocio.
• Rótulos.
• Aplicacións informáticas, creación e desenvolvemento de páxinas web, apps e redes sociais.
• Deseño de marca.
No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens.
No caso de reforma do local do negocio exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.
Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial das persoas beneficiarias desta orde, unha subvención do 60 % da actividade que se vai subvencionar, cun límite máximo de 7.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria.
As solicitudes deberanse presentar no modelo normalizado que figuran como anexo I desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:
a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
b) Facturas emitidas no período subvencionable, e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento, onde se identifique de xeito claro as características e o custo do investimento.
c) Documentación xustificativa do volume de facturación e base impoñible: IVE, IRPF ou imposto de sociedades e modelo 184, segundo o caso, do exercicio 2022; No caso das persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos será unha declaración responsable da facturación realizada no ano 2022.
d) Documentación xustificativa de que a persoa autónoma societaria identificada no anexo I é socio da entidade que solicita a subvención, de ser o caso.
e) De ser o caso, certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.
f) No caso das persoas traballadoras autónomas societarias, declaración responsable de que ningunha outra persoa traballadora autónoma societaria fixo unha solicitude da presente axuda, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
g) Relación de investimentos realizados segundo o anexo I.
h) No caso de solicitantes aos que se lles aplique o réxime especial de recargo de equivalencia, tributen en réxime de atribución de rendas ou a súa actividade estea exenta da tributación de IVE, certificado de situación censual (modelo 036 ou 037) ou outro documento acreditativo da dita situación.
i) No caso das persoas autónomas administradoras que formen parte da sociedade nunha porcentaxe superior ao 25 % das súas participacións ou do 33 % do seu capital, certificado do Rexistro Mercantil de data anterior a presentación da solicitude, no que acredite a súa condición de persoa autónoma societaria.
As persoas traballadoras autónomas de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que na data da solicitude teñan o domicilio fiscal en Galicia.
As sociedades de calquera clase, incluídas as unipersonais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude
Para Persoas Autónomas:
a) Que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos computados desde a data da solicitude, na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.
b) Que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual referida ao ano 2022, inferior a 50.000 euros.
c) Que teñan unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2022.
Para Sociedades:
a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional, e que a dita sociedade non fora beneficiaria nin percibira esta axuda nalgunha das cinco últimas cinco convocatorias (2019-2023 ambas incluídas) No suposto de persoas autónomas administradoras, terán a consideración de autónomo societario se forman parte da sociedade nunha porcentaxe superior ao 25 % da súas participacións ou do 33 % do seu capital, o que deberán acreditar fidedignamente mediante escritura notarial.
b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído na declaración referida ao ano 2022.
c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2022 inferior a 50.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto do sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas este importe de 50.000 euros referirase á suma de todos os rendementos netos reducidos (rendementos da actividade económica da entidade solicitante), declarados no IRPF de cada un dos membros da entidade solicitante (modelo 184).