AXUDAS PARA A ATRACCION DE EMPRESAS A GALICIA
Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a atracción de empresas a Galicia, susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408H).
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a concesión de axudas para o financiamento de proxectos de investimento empresarial das seguintes modalidades:
-Proxectos de investimento empresarial cun investimento subvencionable entre 800.000 € e 10.000.000 €.
-Proxectos de investimento igual ou superior a 100.000 €, cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo de carácter indefinido a tempo completo.
Documentación do expediente administrativo común a ambas as modalidades de proxecto para presentar xunto coa solicitude de subvención.
1. Certificado de situación censual expedido pola AEAT e/ou, no caso de novas actividades ou novos establecementos, compromiso de alta no IAE dentro do período de execución do proxecto.
2. Documentación xurídica da personalidade da solicitante:
a) Para sociedades ou entidades xa constituídas: Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil. No caso de agrupacións, referirase ao representante ou apoderado único da agrupación. No caso de sociedades inscritas no Rexisto Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.
b) Para sociedades en constitución:
– Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.
– Proxecto de estatutos da sociedade.
Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade á emisión da proposta de resolución. Para tal fin, a documentación establecida na letra a) anterior deberá ser presentada no Igape con anterioridade á resolución do expediente. Se non fose presentada, de oficio ou logo de requirimento para a súa emenda no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.
3. No caso de entidades obrigadas a formular e aprobar contas anuais, contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o cal se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obriga de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, achegará as contas anuais consolidadas. Achegaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da entidade solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.
4. Declaración da condición de peme, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude, con datos das contas anuais do último exercicio pechado na data da solicitude.
5. En relación coa declaración doutras axudas para o mesmo proxecto, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións destas.
6. Para as solicitudes de máis de 30.000 € de subvención, declaración de cumprimento cos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude, e acreditación do devandito cumprimento de acordo co establecido no anexo VI destas bases.
7. Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio «do no significant harm»-DNSH), segundo o anexo IV destas bases.
8. Documentación que acredite a realización da análise da defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do RDC, tendo en conta as orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021- 2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE do 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva para o efecto a autoridade de xestión dos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027. Con todo, se a empresa solicitante non dispón aínda en fase de solicitude dun proxecto suficientemente definido que permita integrar a dita análise nesta fase inicial, poderá presentar a dita documentación en fase de xustificación, en que o promotor deberá acreditar a documentación e verificación da defensa da infraestrutura fronte ao cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto.
As pequenas e medianas empresas (pemes) que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do establecido nas bases reguladoras. Consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercant
Requisitos dos proxectos de investimento. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos, ou alternativamente os custos salariais dos novos contratos de carácter indefinido e a tempo completo vinculados ao investimento, cando o proxecto responda a unha das seguintes tipoloxías: 1. Creación dun novo establecemento.
2. Ampliación de capacidade dun establecemento existente.
3. Diversificación da producción dun establecemento existente en productos que anteriormente non se producían nel.
4. Cambio fundamental no proceso global de producción do produto ou produtos afectados polo investimento no establecemento.
Na modalidade de proxectos de investimento igual ou superior a 100.000 € cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo, só serán admisibles as tipoloxías de proxecto 1 e 2.
Requisitos específicos das tipoloxías de proxecto 1, 3 e 4 anteriores:
1. Os proxectos de creación dun novo establecemento deberán responder a algunha das situacións seguintes:
Creación dun primeiro establecemento.
Creación dun novo establecemento noutra localización diferente ou por traslado con ampliación da capacidade produtiva.
Nos proxectos de diversificación da produción dun establecemento existente en produtos que anteriormente non se producían nel, o investimento subvencionable deberá superar o 200 % do valor neto contable dos activos que se reutilizan, de acordo cos rexistros do balance de situación das contas anuais correspondentes ao último exercicio económico pechado na data de presentación da solicitude.
Os proxectos de cambio fundamental no proceso global de producción suporán a implementación dunha innovación no proceso global de produción que impliquen o uso por primeira vez de métodos de organización que inclúan melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo, dos sistemas de produción ou a integración de áreas funcionais da empresa.