PROGRAMA RE-ACCIONA
Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG402A).
Aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas destinadas a facilitar a execución dun conxunto de servizos profesionais por parte de entidades colaboradoras previamente seleccionadas mediante a Resolución do 12 de decembro de 2023 (DOG nº 241, do 21 de decembro).
Os servizos para os que se poderá conceder axuda en especie, consistente na execución de servizos para a súa realización en empresas galegas, están integrados nas seguintes categorías, descritas polo miúdo no anexo III da devandita Resolución do 12 de decembro de 2023 (DOG nº 241, do 21 de decembro):
Profesionalización e desenvolvemento estratéxico:
– Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.
– Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.
– Servizos de análise do cumprimento normativo e dos riscos legais (Compliance).
– Servizos de captación, fidelización e xestión de talento.
– Servizos para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG. – Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.
– Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.
– Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.
– Servizos de preparación de procesos certificables.
– Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras. Innovación:
– Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.
– Servizos de protección da innovación.
– Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación
As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, a través das entidades colaboradoras, a seguinte documentación:
a) Entidades non inscritas no Rexistro Mercantil: escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa.
b) Agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: documento onde conste expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. No documento constará unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.
c) Motivación da súa participación no programa, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude.
d) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH), segundo o anexo V destas bases.
Poderán ser entidades beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluídos os autónomos, as comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial e poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos, ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.
En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia e cumprir a definición de peme. Para esta definición utilizarase a establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
Para solicitar as axudas para a prestación dos servizos, tendo en conta as súas características, as pemes deben cumprir as seguintes condicións:
a) Para todos os servizos definidos no artigo 1, agás o servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras, polas características deste tipo de empresas, as solicitantes deberán contar cun cadro medio de traballadores, no ano anterior á solicitude da axuda, non inferior a tres, de acordo co informe do cadro medio de traballadores en situación de alta emitido pola Seguridade Social. Adicionalmente ao número indicado no devandito informe, poderán contabilizarse, se é o caso, o propietario, administrador ou os familiares que traballen na empresa e legalmente incluídos no réxime de autónomos.
b) Para o servizo de desenvolvemento estratéxico integral da empresa, as pemes deben ter realizado previamente unha análise da empresa que achegue a información necesaria para o arranque do servizo.