PRESTAMOS DIRECTOS PARA O FINANCIAMENTO EMPRESARIAL EN GALICIA
Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2023 pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha das seguintes liñas de préstamos:
-Préstamos para investimentos estratéxicos; préstamos para financiar a operativa de centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, actividades de I+D ou presten servizos de interese para o tecido empresarial galego;
-Préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval;
-Préstamos para financiar circulante enmarcados nun proceso de reestruturación de débedas, para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira;
-Préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) A documentación específica sinalada no anexo I para cada modalidade de préstamo.
b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).
c) En caso de persoas xurídicas: 1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores. 2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente. 3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado. 4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores. d) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente en formato PDF nativo (descargados directamente da web da AEAT.
e) Se é o caso, anteproxecto ou proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de anteproxecto ou proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.
f) Relación detallada dos investimentos e/ou gastos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.
g) Acreditación da dispoñibilidade do inmoble afecto ao proxecto de investimento (copia do contrato de alugamento, concesión, superficie ou adquisición, segundo proceda).
h) Se é o caso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir: – Nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida (que terá que indicar expresamente que o saldo dispoñible non está peñorado nin suxeito a limitacións de dispoñibilidade) e/ou unha comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento (importe, prazo, carencia e garantías que se van tomar). – Nun compromiso firme do financiamento que van achegar os socios, no cal figure a natureza, importe e prazos.
i) Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.
Empresas que cumpran cos requisitos.
Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo I, poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos. Cando non teñan personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como no acordo de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe das axudas que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.
a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I.
Non poderán ter a condición de beneficiarios dos préstamos:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores ao abeiro do libro segundo do devandito Real decreto lexislativo 1/2020, salvo que adquirise eficacia un plan de reestruturación.
c) As entidades en que concorrese algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.