• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

PROMOCION DO EMPREGO AUTONOMO

Liña 1: Axuda para o inicio da actividade económica e mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma.

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción do emprego autónomo en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e se procede a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR341D).

DOG nº 6 do 9 de xaneiro de 2024

DOG nº 19 do 26 de xaneiro de 2024

A finalidade deste programa é a concesión de 2 liñas de axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo e mantemento da súa actividade laboral.

Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e os gastos de mantemento da actividade, que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024, ambos inclusive.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Alta definitiva no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037).

b) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

c) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social, discapacidade ou dependencia recoñecida fóra de Galicia).

d) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.

e) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

f) No caso de que as persoas polas que se solicita a subvención teñan a condición de trans, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

g) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

h) Contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiros, se é o caso.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.

 

1. Para a liña 1:

a) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoa autónoma, ou na mutua correspondente, no caso de mutualistas, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

b) Ser titular ou cotitular do negocio ou explotación e ter iniciado a actividade segundo a definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención, e non ter ningunha alta anterior como persoa traballadora autónoma nos tres anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG, salvo que a dita alta fose como persoa autónoma colaboradora.

c) Atoparse de alta no imposto de actividades económicas.

d) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

e) Ter o domicilio fiscal en Galicia con anterioridade á solicitude da axuda.

1.1 Quedan excluídas desta liña as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais, os administradores e as persoas autónomas colaboradoras.

Requisitos

a) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoa autónoma ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

b) Ter iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención, e non ter ningunha alta anterior como persoa traballadora autónoma nos tres anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

c) Atoparse de alta no imposto de actividades económicas.

d) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

e) Ter o domicilio fiscal en Galicia con anterioridade a solicitude da axuda.