PROGRAMA GALICIA EXPORTA DIXITAL 2024
Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG401D).
Estas axudas teñen como obxecto apoiar as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital, xa que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais. Considérase que o desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital repercute nas posibilidades de negocio das empresas, posibilita a presenza en mercados exteriores, facilita o aceso a clientes, reduce os custos de transacción e publicidade, e permite abrir novas canles comerciais, polo que se achegan así medios máis eficaces para a potenciación de actividades económicas internacionais e o incremento das exportacións. O obxecto último destas bases o desenvolvemento e a implementación dun plan de internacionalización dixital de empresa e as necesidades específicas en materia de márketing dixital internacional.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto, que se deberá cubrir no propio formulario electrónico de solicitude, no formato proposto pola aplicación, onde deberá constar, como mínimo: – A descrición da entidade solicitante. – A descrición dos produtos ou servizos ofrecidos e xustificación do seu potencial exportador a través de canles dixitais. – Unha definición clara e concisa do principal obxectivo do proxecto e dos resultados esperados. A información contida na memoria deberá ser axeitada e suficiente para avaliar a calidade e viabilidade do proxecto.
b) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non rexistradas no Rexistro Mercantil.
c) No caso de persoas xurídicas: certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais individuais depositadas no último exercicio económico pechado para o cal se cumpriu o prazo de depósito legalmente establecido, incluíndo o informe de auditoría, se é o caso.
d) No caso de xustificar as achegas dos socios ao fondo propio, deberá achegar a escritura pública onde conste a operación.
e) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España con data posterior á da publicación das bases, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.
f) Plan de financiamento do proxecto: informe en que se indique a forma en que se vai financiar o proxecto, especificando se se realizará con recursos propios, alleos ou con ambos os tipos de financiamento. O Igape poderá solicitar documentación xustificativa do devandito plan (certificacións de entidades financeiras, escrituras de ampliación de capital, pólizas e préstamos formalizados bancarios ou con socios, etc.). g) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, debe solicitar a persoa solicitante, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases.
h) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio «do no significant harm»–DNSH), segundo o anexo IV das bases.
i) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, segundo o establecido no artigo 4.2.d) das bases, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito, de acordo co anexo III das bases: i. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable. ii. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente, con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora.
j) Anexo V de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.
Poderán ser beneficiarias as empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) As pemes deberán contar no devandito centro, polo menos, cun traballador por conta allea na data de publicación no DOG destas bases de axudas.
d) Que teñan un importe de facturación no último exercicio con obriga de depósito de contas anuais no Rexistro Mercantil, ou de presentación da declaración da renda, como mínimo do dobre do proxecto presentado pola empresa na súa solicitude de axuda. Terase por cumprido este requisito cando exista unha achega por parte dos socios aos fondos propios da sociedade por un importe mínimo do dobre do orzamento do proxecto presentado realizada no ano natural anterior ao de presentación de solicitudes.
e) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
f) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación das solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
g) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.