PROGRAMA GALICIA EXPORTA EMPRESAS 2024
Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG622A).
Estas axudas teñen como obxecto incentivar a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais.
As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:
a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
b) Memoria descritiva do proxecto, que se deberá cubrir no propio formulario electrónico de solicitude, co formato e contido mínimo proposto pola aplicación.
c) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 6.8 destas bases reguladoras.
d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, segundo o establecido no artigo 5.2.d) das bases reguladoras, a persoa beneficiaria debe cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito, de acordo co anexo V das bases reguladoras: i. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable.
ii. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.
e) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio do no significant harm-DNSH), segundo o anexo VI das bases reguladoras.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas, incluídos os autónomos, que cumpran os requisitos.
a) Que cumpran coa definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que conten no devandito centro con polo menos un traballador por conta allea, na data de publicación no DOG destas bases de axudas. Este último requisito non é aplicable ás empresas constituídas con menos de 42 meses de antigüidade na data de publicación das bases de axudas.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do final do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
e) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.