Aplicacións empresariais dos drons
Os drons teñen moitas aplicacións empresariais. Especialmente se se combinan con outras tecnoloxías disruptivas como cloud computing, Internet das Cousas (IoT nas súas siglas en inglés), Machine ou Deep Learning, Intelixencia Artificial e o blockchain. Todas elas versan sobre os datos, as oportunidades que estes poden achegar e que, primeiro, hai que colleitar. E é aí onde os drons están chamados a xogar un papel importante pola súa eficiencia, perspectiva e reducido tamaño para moverse con axilidade e autonomía.
Os drons son un mercado en plena evolución e con gran futuro por diante, que aumentará á vez que se combine con outras tecnoloxías como as citadas anteriormente e ás que habería que incluír o potencial que engadirá a chegada da rede 5G, máis rápida e con máis ancho de banda que a 4G para transportar máis datos e obter información en tempo real. Os datos xa mostran un crecemento exponencial dos drons. En 2014 só había 26 rexistros de comunicacións previas de operadores de drons, mentres que no que levamos de 2018 xa se superaron 800 rexistros, segundo informa a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). A cifra total de rexistros desde 2014 é de 3.296.