• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Bota a andar o proxecto "Entre Sar e Sarela" con máis de 3,2 millóns de orzamento para varias intervencións medioambientais na cidade

Data de escritura

A Xunta de Goberno local deu luz verde á aceptación da subvención de 3.228.069,12 euros para o desenvolvemento do proxecto "Entre Sar e Sarela", unha axuda concedida pola Fundación Biodiversidad como parte do programa europeo NextGeneration EU. Tamén se aprobou a creación dos órganos de gobernanza e participación que permitirán a xestión deste ambicioso proxecto que recolle actuacións en diferentes zonas da cidade como o barrio de Pontepedriña, o Xardín Botánico, a lagoa do Auditorio de Galicia, co obxectivo de completar a rede de sendas e consolidar así o anel verde ao redor da cidade. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu conta en rolda de prensa deste e outros asuntos como a nova convocatoria de axudas á rehabilitación de vivendas no barrio de Pontepedriña por 446.400 euros.

A alcaldesa Goretti Sanmartín na rolda de prensa

O executivo municipal confirmou esta mañá a aceptación da axuda da Fundación Biodiversidad para o proxecto "Entre Sar y Sarela" por un importe de 3.228.069,12 euros. A rexedora recordou que se trata dun "proxecto importantísimo que ten por obxectivo xerar un modelo urbano sustentatable aumentando a infraestructura verde, potenciando a conectividade ambiental do conxunto e recuperando áreas degradadas". O proxecto "comeza agora o seu proceso coa creación dos órganos de gobernanza e de participación: un comité de dirección e unha comisión técnica, que fagan factible o desenvolvemento de todo o proxecto", engadiu.

Este proxecto está financiado ao 95% pola Unión Europea, polo que o importe total a percibir polo Concello de Santiago ascende á cantidade de 3.228.069,12 euros (1.596.722,49 euros para o ano 2024 e 2.480.945,93 euros para o ano 2025) e terá unha duración de 28 meses, finalizando o 31 de decembro de 2025.

Órganos de gobernanza e participación

Para a xestión deste proxecto, o executivo municipal acordou esta mañá a creación de dous órganos de gobernanza e participación. Un Comité de dirección que establecerá as directrices para a correcta xestión do proxecto e estará integrado polo concelleiro delegado de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domíguez; a Directora de área de Benestar Medioambiental e Servizos Básicos e Comunitarios e o investigador principal responsable do equipo do IBADER da USC.

Tamén se deu luz verde á creación dunha Comisión técnica que servirá de estrutura organizativa para a coordinación, seguimento e implementación de todas as accións do proxecto e estará integrada pola directora de área de Benestar Medioambiental e Servizos Básicos e Comunitarios; o xefe de sección de Servizos; o xefe de servizo de Obras e Proxectos e o encargado xefe de Parques e Xardíns, dous investigadores do equipo do IBADER da USC, así como unha representante da oficina técnica do Consorcio da cidade de Santiago.

Áreas de actuación

As cinco actuacións integradas no proxecto son o "Barrio Verde de Pontepedriña", que contempla a a renaturalización da zona e creación dun corredor ecolóxico urbano. O ámbito de actuación é o barrio de Pontepedriña entre a rúa do escultor Camilo Otero, a praza Pintor Laxeiro e a rúa Amor Ruibal, cunha elevada porcentaxe de espazo público destinado ao tráfico rodado. Esta zona presenta un elevado potencial para impulsar unha renaturalización de alto impacto, ao limitar co Parque Eugenio Granell, parte do Anel Verde exterior. O investimento estimado é de 1.785.685,25 euros, sen IVE. Esta actuación daría continuidade ao proxecto do Restollal, cun carríl para cada sentido da circulación, e un carril bici na marxe esquerda que se completaría coa presenza de vexetación autóctona recuperando espazo verde do espazo gris actual.

A seguinte actuación é a "Naturalización da lagoa do Auditorio de Galicia, restauración fluvial do Río Corgo e mellora ecolóxica", que contempla un investimento estimado de 816.494,25 euros, sen IVE. Proponse a reparación do vaso da lagoa, mellora da impermeabilización e a eliminación do sedimento acumulado, a restauración da canle fluvial do río Corgo (nas zonas dos xardíns do Auditorio, Finca de Lois e parque das Nacions), a colocación de illas flotantes vexetais que contribúan á oxixenación e depuración da auga, e a transformación da iluminación da contorna, previo estudo, acadando o equilibrio entre a iluminación funcional e a preservación da biodiversidade.

A terceira, tamén de consolidación do Anel Verde exterior e a "Restauración ambiental e creación do laboratorio vivo-urbano agroecolóxico no xardín botánico". Ten un investimento estimado de 219.256,60 euros. Procúrase a conservación e restauración fluvial do corredor ecolóxico do río Sarela, así como reforzar a restauración do bosque autóctono de carballeira e acondicionar a rede de carreiros internos das áreas verdes e zonas de estancia, incluíndo medidas de accesibilidade.

A cuarta actuación, tamén incluída na consolidación do Anel Verde exterior, é a "Recualificación e recuperación ambiental da área verde do barrio de Cornes". A proposta,que contaría cun orzamento estimado de 225.724,37 euros, propón actuar no espazo periurbano situado entre o Parque Eugenio Granell e o desenvolvemento urbanístico na contorna do antigo núcleo tradicional de Cornes, espazo delimitado entre a rúa Escultor Camilo Otero, o trazado da liña ferroviaria e a infraestrutura de circunvalación SC-20, contorna no que destaca a presenza dunha lagoa natural. En concreto, proponse a eliminación de residuos de orixe urbana e de especies exóticas invasoras e a recuperación e reforzo da vexetación autóctona; deseñando unha rede de novos sendeiros que dea conectividade entre Conxo, Cornes e Pontepedriña; e acometendo medidas de illamento acústico e visual da área mediante a creación de pantallas vexetais formadas por especies arbóreas e arbustivas autóctonas.

E a quinta e última actuación, tamén de consolidación do Anel Verde exterior, é a "Restauración ecolóxica e fomento da biodiversidade no monte periurbano do Viso", que contaría cun investimento estimado de 175.542,30 euros. Farase unha substitución de especies exóticas por plantas nativas: bidueiros, carballos, sobreiras, acivros e distintas especies arbustivas; tomaranse medidas para a conservación de distintas especies de pequena fauna silvestre; e reforzaranse as sendas interiores para facilitar o seu uso, dotándoa das medidas de accesibilidade universal correspondentes.

Rehabilitación de vivendas no barrio de Pontepedriña

Goretti Sanmartín tamén salientou a aprobación da convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas nas áreas de rexeneración e renovación urbana do ámbito dos Grupos de Vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios do barrio de Pontepedriña por un importe de 446.400,00 €. Esta convocatoria, que se desenvolve ao abeiro das fases 7 e 8 do Plan estatal de vivenda 2018-2021, "valorará temas relativos á accesibilidade, a eficiencia enerxética así como outros criterios", detallou a rexedora que tamén recordou que "desde a súa publicación no BOP, haberá un mes para presentar as solicitudes".

Hortas urbanas

A rexedora tamén anunciou que nos próximos días abrirá o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de uso das hortas municipais nos parques de Cotaredo e da Almáciga, ao que se sumarán máis espazos proximamente. Todos os anuncios publicaranse na web municipal.

Documentos relacionados