• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

SUBVENCIONS A PROXECTOS TRACTORES PARA O TURISMO NA CONTORNA DO CAMIÑO DE SANTIAGO

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores para o turismo na contorna do Camiño de Santiago, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503H).

Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para a posta en marcha de proxectos tractores que teñan un efecto transformador no sector turístico galego e a posta en valor de elementos patrimoniais senlleiros de Galicia, cos obxectivos de ampliar a oferta de aloxamento e de restauración e promover un turismo sustentable na contorna do Camiño de Santiago.

 

Será requisito da actuación subvencionable que o proxecto achegado teña como finalidade a creación dun novo establecemento de aloxamento turístico ou restauración, segundo os artigos 55 e 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, de acordo con algunha das seguintes tipoloxías:

– Establecementos hoteleiros.

– Apartamentos.

– Vivendas turísticas.

– Establecementos de turismo rural.

– Albergues turísticos.

– Establecementos de restauración (restaurantes, cafetarías, bares).

Documentación requerida

As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:

a) Documentación que acredite a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 24. Deberá achegar documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro título de disposición válido en dereito en que, ademais, se autorice a realización da actuación solicitada.

b) Memoria explicativa en que se definan de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se van desenvolver e que, de ser o caso, comprenderá: • Planos de localización do investimento. • Relación, indicando calidades, dos materiais e acabamentos propostos. • Relación detallada dos bens mobles e equipamentos, de ser o caso, con indicación das calidades, localización e número que se van instalar. • Reportaxe fotográfica do ben sobre o que se vai actuar: exteriores, interiores e da contorna, así como fotografías desde as que se aprecie de maneira concreta o elemento ou elementos obxecto da actuación.

c) Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa deberase achegar, ademais: • Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente. • Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

d) Para o caso dos gastos da liña 1, memoria xustificativa da contribución do proxecto á sustentabilidade.

e) Para os casos dos proxectos da tipoloxía A-Proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística, de ser o caso: • Os acordos ou convenios de colaboración que xustifiquen as colaboracións entre os axentes públicos e privados do territorio e unha memoria descritiva da contribución á dinamización económica da rexión. • Memoria descritiva da contribución dos proxectos para a implantación de novas fórmulas de xestión ou programas de actividades ou sensibilización ambiental á sustentabilidade turística da rexión.

f) Para o caso dos proxectos tractores dinamizadores do turismo cultural, un dos seguintes documentos: • Programa de actividades anual e calendario co réxime de visitas, apertura e peche. • Planos da infraestrutura e acreditación dos metros cadrados visitables ou de desenvolvemento de actividades culturais vinculadas á posta en valor do ben.

g) Orzamento do investimento desagregado por partidas, en que se especificará o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra, e todo o equipamento proposto.

h) As tres ofertas de diferentes provedores consonte o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ser o caso. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

i) Documentación acreditativa da representación suficiente para actuar en nome da empresa, no caso de que non coincida cos datos que figuran no REAT.

j) Anexo VII de declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 8.

k) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (anexo VIII).

l) Declaración de compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo IX). m) No caso de proxectos que acheguen investimento da liña 2, a certificación enerxética actual da edificación e a certificación do edificio de referencia que previsiblemente se obterá coa reforma proposta.

n) Documentación acreditativa da inscrición do ben no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, de ser o caso.

o) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, no caso de grandes empresas.

p) Memoria económico-financeira que xustifique a viabilidade do proxecto no medio ou longo prazo. Deberá incluír un resumo executivo, as consideracións tecnolóxicas e viabilidade técnica, unha análise de mercado, a planificación temporal, as proxeccións financeiras e os resultados esperados.

q) Informe previo favorable da Axencia de Turismo de Galicia sobre o cumprimento da normativa de aplicación para a tipoloxía e categoría de establecemento.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as entidades solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento da presentación da solicitude de axuda.

Requisitos

Pódense diferenciar dúas tipoloxías de proxecto:

 

A.- Proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística, que deberán cumprir como mínimo con dúas das seguintes condicións:

 

• Creación de, polo menos, 5 postos de traballo directos. Deberá achegarse unha declaración responsable coa solicitude en que conste este compromiso, que deberá materializarse antes do remate do prazo de xustificación.

• Creación de vínculos con axentes públicos e privados do territorio que poidan exercer un efecto panca positivo no sector turístico ou outros sectores de actividade. Deberán achegarse os acordos ou convenios de colaboración que xustifiquen as colaboracións e unha memoria descritiva da contribución á dinamización económica da rexión.

• Creación dun novo establecemento turístico que promova o turismo sustentable, mediante a implantación de novas fórmulas de xestión (utilización de produtos de proximidade ou ecolóxicos, implantación de fórmulas de reciclaxe...) ou programas de actividades ou sensibilización ambiental para as persoas usuarias turísticas. Deberá achegarse unha memoria descritiva da contribución á sustentabilidade turística.

 

Os proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística poderán optar ás seguintes contías por categoría de empresa:

– 35 %, no caso das pequenas empresas.

– 25 %, no caso das medianas empresas.

– 15 %, no caso de grandes empresas.

 

B.- Proxectos tractores dinamizadores do turismo cultural, que deberán cumprir a totalidade dos seguintes requisitos:

• A creación do establecemento turístico debe ir unida á posta en valor e mellora ou rehabilitación dun ben de interese cultural (BIC).

• Polo menos un 80 % da capacidade temporal ou espacial anual destinarase a fins culturais. A contía da axuda será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable do proxecto polas intensidades de axuda previstas para cada tipoloxía de proxecto.

Os proxectos tractores dinamizadores do turismo cultural poderán optar a unha axuda máxima dun 80 % dos custos subvencionables ata o límite máximo de 2.200.000 euros por proxecto.

 

En ambos os dous casos os proxectos achegados deberán cumprir as seguintes condicións:

– Ascender a un mínimo de 300.000 euros de investimento para o conxunto das tres liñas de subvencionabilidade.

– Contribuír á creación de oferta de aloxamento ou de restauración que se xustificará coa alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) antes do remate do período de xustificación.

– Situarse na contorna do Camiño de Santiago, polo que soamente se admitirán proxectos situados naqueles concellos onde transcorra o trazado do Camiño de Santiago.

– Contar con informe previo favorable da Axencia de Turismo no momento de presentación da solicitude da axuda, de conformidade coa normativa turística de aplicación.

– Desenvolverse en infraestruturas emblemáticas, históricas, de interese paisaxístico ou bens de interese cultural.

– Contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención.