• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Foro Talentia avalía as potencialidades da intelixencia artificial, reivindica o talento local e pón o foco na conciliación

Data de escritura

Coñecer as vantaxes da intelixencia artificial e descubrir como vai influir nos traballos do futuro; reflexionar sobre novos modelos económicos e sobre a retención do talento; e reivindicar políticas reais que faciliten a conciliación. Foron os obxectivos do Foro Talentia, que esta mañá xuntou a centos de persoas no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea. O encontro é a antesala da Feira do Emprego e do Talento, que se desenvolverá ao longo da próxima semana nun modelo híbrido que combina a feira virtual e un espazo presencial, o luns 13, no Palacio de Congresos.

Autoridades e ponentes do Foro Talentia
Intervención da alcaldesa
Discurso de María Rozas
Outro momento do Foro Talentia

A primeira tenenta de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, abriu o Foro Talentia lembrando "o enorme potencial que tén Santiago no ámbito da innovación tecnolóxica, grazas a unha USC que ofrece ata 11 titulacións do ámbito das ciencias, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas, incluído un novo grao en Intelixencia Artificial; e que debe establecer sinerxias cun tecido produtivo vinculado ao sector tecnolóxico que dá emprego en Compostela a preto de 2.000 persoas". A concelleira reiterou tamén que "non podemos limitar o talento á tecnoloxía, e por iso neste foro reivindicamos tamén outros modelos, máis vinculados á cultura e á creatividade". Por último, María Rozas, reclamou "unha adaptación real do mundo laboral ás necesidades de conciliación, porque o contrario equivale a renunciar ao talento da metade a poboación, das mulleres".

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, reivindicou "o empoderamento feminino para conseguir un traballo de calidade, rompendo a fenda de xénero no eido tecnolóxico que é de case 35 puntos, porque só no 14% das empresas tecnolóxicas traballan mulleres". Por iso, apostou por "adoptar medidas que non exclúan ás mulleres dos empregos tecnolóxicos, por fomentar tamén a súa participación nas carreiras universitarias vinculadas a estes sectores". A rexedora reivindicou "un modelo de traballo diferente, de calidade que repense o emprego na era da intelixencia artificial, pero tamén nun momento no que urxe apostar pola economía social e pola economía circular". Para Goretti Sanmartín, "Santiago acepta estes desafíos, porque somos conscientes das nosas potencialidades grazas á nosa Universidade, grazas ao noso tecido produtivo, e ás propias características do noso municipio". A alcaldesa expresou o seu desexo de camiñar cara un modelo "no que academos o pleno emprego, rematemos coa fendas de xénero, e incorporemos á mocidade ao mercado laboral en condicións dignas".

Na apertura do Foro Talentia participaron tamén o secretario xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta, Pablo Fernández; e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Ponencias
A primeira conferencia da xornada correu a cargo de Alex Rayón, fundador e CEO de brainandcode.tech, que falará sobre "Intelixencia Artificial Xerativa, un mundo de posibilidades laborais". Tras del, Susana Pascual, CEO en Pixelshub e divulgadora científica experta en disciplinas STEAM, ofreceu unha conferencia baixo o título "Construiíndo o teu futuro; falemos de liderado, STEAM e vocacións". Santiago Domínguez, CEO e Cofundador de Mestrelab Research, falou sobre "Transformando unha economía rexional a través do emprendemento, a innovación, a dixitalización e as ciencias da vda. Con persoas, por persoas e para persoas".

A CEO de LiKaDI e creadora de SinGENEROdeDUDAS, Carmen Castro, reflexionou sobre se "Podemos alcanzar unha verdadeira conciliación laboral?", e Tino Fernández, presidente executivo do grupo Altia e vicepresidente do Clúster TIC de Galicia, impartiu unha conferencia sobre "Tecnoloxía. A gran oportunidade".
O Foro Talentia continuou coas intervencións de Ignacio Ramos, director cooperativo de People Strategy an Infraestructres de GMV, sobre "Intelixencia Artificial xerativa, non destrutiva"; Anna Cabó, fundadora de LaGroc, en torno ás "Políticas de conciliación e retención do talento"; e Guillem García Brustenga, experto en transformación dixital da educación na UOC, cunha ponencia titulada "Máis alá da dixitalización: educación e emprego na era da IA". A última conferencia da xornada correu a cargo de Isabel Pernas, vicepresidenta de Creativas Galas, que falará sobre "O impacto do talento creativo na economía circular".

Feira Talentia
A Feira virtual de Talentia Summit xa está tamén aberta ao público, e conta con máis de 25.000 usuarios e usuarias únicas na web talentiasummit.com. Desde ese portal pódese acceder a un amplo catálogo de actividades gratuítas, cunha gran oferta formativa. Nos cursos 100% on line para a súa realización por libre xa se esgotaron as máis de mil prazas dispoñibles, pero aínda se aceptan reservas para acceder á plataforma Linkedin Learning; para cursos en aula virtual con titor en directo; mentorías profesionais; ou cursos para a obtención de certificacións profesionais. A través da web tamén foron xa intermediados máis de 700 currículums, e fixéronse case 400 reservas de citas con empresas e para mentorías profesionais.

O próximo luns, celebrarase a feria presencial do Talentia no Palacio de Congresos, con stands de diferentes empresas e unha ampla oferta formativa. En concreto, prevense 19 cursos cun total de máis de 300 prazas, a maioría deles ofertados en colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, e tamén da man de Creativas Galegas. Así, haberá talleres de comunicación, técnicas de venda, uso de apps para a procura de emprego, introdución á intelixencia artificial, paquetería creativa ou seguridade alimentaria.

A oferta presencial complétase cun espazo para as mentorías, con 350 prazas.Toda a información e o catálogo completo de actividades dispoñibles está accesible na web talentiasummit.com