• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Milleiros de prazas de formación e case 300 ofertas de emprego: abren as inscricións para o Talentia 2023

Data de escritura

Máis de 3.000 prazas en actividades formativas, 300 ofertas de emprego e preto de 80 empresas participantes. Son os números do Talentia Summit, o evento do talento e o emprego que se desenvolverá do 13 ao 17 de novembro, cun formato híbrido que combinará as vantaxes dos modelos de feira virtual e presencial. As inscricións nas diferentes actividades quedarán abertas esta tarde a través da web talentiasummit.com.

O Talentia Summit arrincará o día 10 de novembro cun gran Foro Inaugural

Feira virtual

Nesta edición, o Talentia Summit mantén a feira virtual de emprego do 13 ao 17 de novembro, coa participación de preto de 80 empresas que ofrecerán uns 300 postos de traballo vacantes, pero tamén formación ou certificacións profesionais. As persoas interesadas poderán visitar os seus stands virtuais, programar entrevistas e interactuar cos seus departamentos de selección de persoal.

En canto á formación, ofértanse máis de 2.200 prazas en dous formatos pensados para atender todos os tipos de necesidades e de demandas. Así, por unha banda haberá 1.100 prazas en 43 cursos na aula virtual, con data e horarios establecidos e con titor en directo; e outras 1.130 prazas para a formación on line por libre, en 113 cursos do catálogo de especialidades formativas do SEPE. A estas cifras súmanse as 600 prazas que o Talentia Summit oferta dentro de Linkedin Learning, unha plataforma de éxito internacional desde a que se pode acceder a 18.000 cursos especializados. O catálogo dos cursos aborda temáticas variadas, como xestión comercial e márketing, administración de empresas, formación para formadores, seguridade alimentaria, comunicación, saúde ou imaxe e son.

Desde a feira virtual do Talentia Summit tamén se ofrecen 225 prazas para a obtención de certificacións profesionais oficiais; 105 prazas para certificacións TIC, e 120 prazas para a certificación de idiomas. Por último, prevense máis de 1.400 prazas para as mentorías on line, que serán sesións con persoas expertas para resolver dúbidas ou inquedanzas a nivel profesional; e haberá diferentes webinars para coñecer as últimas tendencias en tecnoloxía e traballo en equipo.

Feira presencial

En canto á feria presencial, será o 13 de novembro no Palacio de Congresos. Alí tamén haberá stands de diferentes empresas e unha ampla oferta formativa. En concreto, prevense 19 cursos cun total de máis de 300 prazas, a maioría deles ofertados en colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, e tamén da man de Creativas Galegas. Así, haberá talleres de comunicación, técnicas de venda, uso de apps para a procura de emprego, introdución á intelixencia artificial, paquetería creativa ou seguridade alimentaria.

A oferta presencial complétase cun espazo para as mentorías, con 350 prazas.Toda a información e o catálogo completo de actividades dispoñibles estará accesible na web talentiasummit.com, e as prazas gratuítas para as diferentes actividades poderánse reservar a partir desta tarde.

Foro Talentia

O Talentia Summit 2023, organizado pola concellaría de Promoción Económica, comenzará o venres 10 cun Foro inaugural que se celebrará no auditorio do CGAC e no que participarán expertos e expertas de diferentes perfís vinculados ás temáticas nas que incide este ano o evento: innovación tecnolóxica e a intelixencia artificial, novos modelos para o desenvolvemento do talento local, e igualdade e as políticas de conciliación.

Así, para reflexionar sobre tecnoloxía, innovación, intelixencia artificial e os traballos do futuro, no foro están previstas as ponencias de Tino Fernández, presidente executivo do Grupo Altia e vicepresidente do Clúster TIC de Galicia; Ignacio Ramos, director corporativo de estratexia de persoas e infraestruturas do grupo tecnolóxico GMV; Alex Rayón Jerez, fundador e CEO de brainandcode.tech, exvicerreitor de Relacións Internacionais e Transformación Dixital da Universidade de Deusto e experto en intelixencia artificial; e Susana Pascual, enxeñeira, divulgadora e promotora tecnolóxica experta en disciplinas STEAM. Á marxe da tecnoloxía e a innovación, co obxectivo de promover outros talentos e visibilizar outros modelos empresariais, no Foro inaugural está prevista a intervención de Isabel Pernas, vicepresidenta de Creativas Galegas, unha marca paraugas que reúne e impulsa a máis de 340 pequenas marcas do eido cultural e creativo galego.

Por último, e xa máis centradas na temática da conciliación e a igualdade no mercado laboral, no Foro inaugural do Talentia participarán Carmen Castro, activista feminista, economista experta en modelos de benestar e políticas europeas de xénero e confundadora de LoPERSONALesPOLÍTICO; e Anna Cabó, fundadora de LaGroc Solutions, unha consultoría que traballa fundamentalmente na elaboración de plans de igualdade, protocolos contra o acoso e xestión cultural.

As entradas para asistir ao Foro Talentia tamén están dispoñibles, de balde, na páxina web talentiasummit.com
.

Direccións relacionadas