A Xunta de Goberno local dá luz verde á licitación do proxecto de rehabilitación de firmes en nove rúas da cidade
O executivo municipal aprobou esta mañá o expediente de contratación para as obras de "Rehabilitación de firmes de vías urbanas 2023" cun orzamento base de preto de 350.000 euros. Tamén se acordou a aprobación definitiva do Proxecto de Expropiación por taxación conxunta para a creación da plataforma loxística de intercambio de mercadorías na parcela SU-3 do PXOM (fase I). Destes e outros asuntos deu conta en rolda de prensa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
A alcaldesa detallou que "o contrato das obras de rehabilitación de firmes contará cun orzamento base de 358.535,10 euros (296.310,00 € sen IVE) e un prazo de execución de 4 meses" para levar a cabo melloras nos firmes das seguintes vías da cidade: na rúa da Presa, rúa do Campo de Santa Isabel, rúa de Vite de Abaixo, avenida do Burgo das Nacións, rúa de Pilar Miró, rúa do Tambre, rúa de San Caetano, rúa das Casas da Hedra e travesa das Casas da Hedra. Por algunhas destas rúas discorren tramos do Camiño de Santiago ou se atopan baixo especial protección.
En total, realizaranse traballos nunha superficie aproximada de 17.780 m2 e executaránse distintos tipos de actuacións como fresado e posterior aplicación de mestura bituminosa, pintado, limpeza de determinados viarios ou saneamento das zonas deterioradas.
A rexedora tamén salientou a aprobación definitiva do Proxecto de Expropiación por taxación conxunta para a creación da plataforma loxística de intercambio de mercadorías na parcela SU-3 do PXOM (fase I), tras "a estimación de maneira parcial daquelas alegacións presentadas pola veciñanza durante a exposición pública do proxecto, incrementando o valor do terreo". Goretti Sanmartín explicou que a luz verde deste proxecto de expropiación implica que a aprobación "da valoración individualizada dos bens a expropiar e da declaración de urxencia da ocupación dos bens e terreos para que o Concello poida ocupalos".
Convenios
A Xunta de Goberno local tamén aprobou dous convenios de colaboración que o Concello asinará coa Fundación Educación e Deporte de Santiago para o ano 2023 por un importe de 20.000 euros, e un segundo co Club Victoria de Santiago por valor de 12.000 euros.