Abertas as convocatoria de axudas para a rehabilitación de vivenda na cidade histórica e no barrio de Vite
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou hoxe a convocatoria de subvencións municipais para a rehabilitación de edificios residenciais no marco da 18ª fase da Área de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) da cidade histórica de Santiago por un importe total de preto de 85.000 euros. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude durante un mes a partir de mañá, 24 de outubro. Tamén continúa aberto o prazo de solicitude de axudas para a rehabilitación de vivendas no barrio de Vite por unha contía de 672.000 euros que cubrirá un total 96 actuacións.
A contía total das subvencións destinadas ás vivendas da cidade histórica ascende a 84.924 euros, coa que se poderá financiar ata un máximo de 50 actuacións. Estas axudas serán sufragadas coas achegas do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana e a Xunta de Galicia no marco do Plan Estatal de Vivenda (PEV) 2018-2021.
Poderán ser beneficiarias as persoas físicas promotoras das actuacións, na súa condición de propietarias, arrendatarias ou titulares dalgún dereito de uso sobre algunha vivenda ubicada nesta área. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou nos seus rexistros auxiliares durante un mes contado a partir de mañá, martes 24 de outubro.
Poderán acollerse a estas axudas aquelas actuacións de mellora da accesibilidade que inclúan a instalación dun ascensor, as de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade, e aquelas para a conservación e adaptación á normativa vixente. Só se consideran intervencións subvencionables aquelas que se realizan sobre elementos e instalacións comúns dos edificios colectivos, ou sobre a envolvente, as instalacións e a consolidación e reposición de elementos da estrutura tradicional de madeira, no caso das vivendas unifamiliares.
A data límite de xustificación das axudas será o 31 de decembro de 2026.
Barrio de Vite
Tamén continúa aberto o prazo de solicitude de axudas para a rehabilitación de vivendas por unha contía de 672.000 euros que cubrirán un total 96 actuacións no barrio de Vite con cargo aos convenios asinados polo Concello no marco do Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación (PEV) 2018-2021.
Neste caso a convocatoria foi publicada no BOP o pasado xoves, 19 de outubro, e o prazo de presentación de solicitudes estenderase durante un mes desde o día seguinte á súa publicación.