PROGRAMA GALICIA EXPORTA EMPRESAS E GALICIA EXPORTA ORGANISMOS INTERMEDIOS
Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2023 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG622B).
Estas axudas teñen como obxecto incentivar a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais.
Así mesmo, preténdese incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización mediante a realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas.
Establécense dúas liñas de axudas:
Galicia Exporta Empresas, dirixida ás pemes galegas.
Galicia Exporta Organismos Intermedios, dirixida a organismos intermedios empresariais de Galicia.
Estas dúas liñas de axudas son incompatibles entre si.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Liña exporta empresas:
a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación coa que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.8 destas bases reguladoras.
Liña exporta organismos intermedios:
a) Acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
b) Certificado acreditativo da inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31 de decembro de 2016, no caso de centros de innovación e tecnoloxía.
c) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.8 das bases reguladoras.
d) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, segundo o establecido no artigo 4.3.d) das bases reguladoras, o beneficiario debe cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito, de acordo co anexo IV destas bases:
i. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable.
ii. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.
Naquelas solicitudes en que todas as accións do proxecto estean integramente executadas na data de presentación da solicitude, xunto coa solicitude presentarase a xustificación de acordo co disposto no artigo 17.6.
Poderán ser beneficiarias da Liña Galicia Exporta Empresas: As empresas, incluídos os autónomos.
Poderán ser beneficiarias da liña Galicia Exporta Organismos Intermedios:
- Os organismos intermedios empresariais de Galicia.
- Consideraranse, así mesmo, beneficiarias as empresas –que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión e que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia– que participen directamente nas accións subvencionadas e ás cales se lles imputará a axuda de minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas de minimis solicitadas e/ou concedidas nos últimos tres exercicios fiscais.
Liña Galicia Exporta Empresas:
a) Que cumpran coa definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que conten no devandito centro con polo menos un traballador por conta allea, na data de publicación no DOG destas bases de axudas. Este último requisito non é aplicable ás empresas constituídas con menos de 42 meses de antigüidade na data de publicación das bases de axudas.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do final do prazo de presentación de solicitudes de axuda a través do procedemento do Igape IG192.
d) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
Liña Galicia Exporta Organismos Intermedios:
Este concepto inclúe as asociacións empresariais, confederacións empresariais (domiciliadas en Galicia), os consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústeres empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, así coma os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).
Enténdese por clúster empresarial para os efectos destas bases, as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan plans de internacionalización en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación clúster.