Volve o Talentia Summit para abordar os desafíos do mercado laboral do futuro
O Talentia Summit, a feira do talento e do emprego de Santiago, celebrará no próximo mes de novembro unha nova edición para analizar a transformación do mercado laboral. A cita comezará cun gran foro estratéxico inaugural, o 10 de novembro. A feira de emprego celebraráse entre os días 13 e 17.
O Talentia Summit´23 centrarase no futuro do traballo e o rol determinante da intelixencia artificial e doutras tecnoloxías emerxentes, nun formato híbrido que facilitará que as persoas participantes se beneficien das vantaxes das modalidades presencial e dixital. O evento será unha gran plataforma para o desenvolvemento profesional, grazas ás 15.000 prazas gratuitas en conferencias, obradoiros e cursos de formación online e presenciais. Ademais, na feira de emprego está prevista a participación de máis dun cento de empresas, que ofrecerán oportunidades de emprego, pero tamén de formación ou certificacións.
O foro inaugural do Talentia Summit´23 será o 10 de novembro no auditorio do CGAC, mentres que as demais actividades presenciais terán lugar no Palacio de Congresos e Exposicións. En canto ao formato online, volverase activar a plataforma talentiasummit.com
Desde a súa primeira edición, Talentia Summit posicionouse como un dos eventos de referencia no ámbito do talento e a innovación. Cun enfoque nas transformacións do mercado laboral, busca ofrecer ás persoas asistentes ferramentas e coñecementos para enfrontar os retos do futuro. O Talentia Summit está valorado cun 8.3 sobre 10 polos seus usuarios, consolidándose como unha cita imprescindible para potenciar o perfil profesional.